Amosando publicacións coa etiqueta Green Day. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Green Day. Amosar todas as publicacións

venres, 21 de agosto de 2015

Holiday (2)

Segunda entrega do monográfico dedicado ás cancións que falan do marabilloso período de vacacións e comezamos cunha dos temas pop máis coñecidos dos anos oitenta, o "Holiday" de Madonna, pertencente ó álbum epónimo co que debutaba a ambición roxa en 1983, e terceiro single que se extraeu tras "Everybody" e "Burning Up".


Outro "Holiday", pero en clave "madchester" é o de Happy Mondays no seu terceiro álbum Pills 'n' Thrills and Bellyaches (1990), álbum onde se incluía tamén unha das cancións máis famosas do grupo, "Kinky Afro".


No debut de Weezer, o coñecido coma The Blue Album (1994), tamén se inclúe unha canción co título "Holiday", unha estupenda peza de rock alternativo asinada por Rivers Cuomo.


Máis coñecida que as dúas últimas cancións é o "Holiday" de Green Day, terceiro single de American Idiot (2004), co que a banda de Billie Joe Armstrong se adentraba polo carreiro do compromiso social.


Os australianos Jet ofrecíannos tamén a súa visión das vacacións en "Holiday", tema pertencente a Shine On  (2006).


E para rematar esta entrega por hoxe, quedamos co "Holiday" de Vampire Weekend, terceiro single de Contra (2010), segundo álbum da banda de Ezra Koenig.

luns, 23 de febreiro de 2015

Good Riddance (Time of Your Life)

Green Day devolveulle ó punk o seu lado máis gamberro, pero a medida que estes tres rapaces se ían facendo maiores, tamén as letras das súas cancións se volvían máis maduras, ou alomenos iso deixaban entrever nos intentos por acadalo. A primeira nota discordante de que non todo era provocar produciuse en Nimrod (1997), que basicamente mantiña a mesma liña cós seus predecesores, agás en "Good Riddance (Time of Your Life)". Para sorpresa de moitos fans, esta canción é unha balada, cunha letra reflexiva, que xa anticipaba a transformación que o trío habería sufrir uns traballos máis tarde. 

http://youtu.be/mwnoNVOj1Fs

Cun son bastante semellante a "Good Riddance (Time of Your Life)"comeza a balada de Offspring "Kristy, Are You Doing Okay?", que aparece no álbum Rise and Fall, Rage and Grace (2008). Resulta curioso como a influencia dun destes grupos influíu no outro, xa que ó estar adscritos os dous ó mesmo xénero e na mesma época, moitos buscaron unha certa rivalidade calcando máis as diferenzas entre ambas e no entanto, son nas baladas onde acaban converxendo.

luns, 22 de decembro de 2014

Picture Book

Na intensa voráxine que as bandas de rock dos sesenta vivían os singles e os discos sucedíanse continuamente. The Kinks, unha das bandas punteiras do momento, publicaban en 1968 o sexto disco The Kinks Are the Village Green Preservation Society, unha selección de quince cancións que volvía mostrar o talento de Ray Davies para compór en pouco tempo uns temas polos que toleaba toda unha xeración de mozos. O nivel de esixencia para seguir estando nun primeiro plano era cada vez máis alto, xa que a oferta musical no rock era moi variada e outras bandas como The Who, os Stones, The Animals, etc estaban tamén nun fantástico momento, por non falar das novas propostas que ían xurdindo cada ano e tanto prometían, pero The Kinks non defraudaron. Malia que non saíu como single, "Picture Book" é unha das cancións máis lembradas dese álbum.


A influencia de The Kinks chega ós nosos días, como imos comprobando de vez en cando. Só hai que fixarse no riff de "Warning", a canción que lle dá título o sexto disco de Green Day, editado no ano 2000, para comprobalo.

xoves, 6 de novembro de 2014

Good

Better Than Ezra é unha banda de Nova Orleáns que a comezos dos noventa axudou a renovar a escena do rock alternativo en Estados Unidos. Debutaron con Deluxe (1993), un primeiro álbum publicado cinco anos despois da formación do grupo. Non obstante, nun primeiro momento non tería moito recorrido, dado que as posibilidades de abrirse paso desde unha discográfica pequena no díficil mundo da música non son doadas. Pero pouco tempo despois Better Than Ezra fichou por Elektra e na nova compañía viron que aquel primeiro traballo non estaba nada mal e en vez de empezar a nova etapa desde cero, reeditaron Deluxe en 1995. Coa reedición Better Than Ezra gañaron popularidade e incluso lograron que o primeiro single, "Good", se incluise na banda sonora dalgunha película.


Se ben é verdade que cando "Good" se editou por primeira vez como single non tivo unha promoción moi grande, si chegou a outras bandas que se movían nas mesmas augas que Better Than Ezra. O estilo de "Good" pode apreciarse en "When I Come Around", que Green Day incluíu en Dookie (1994). Sen ter trazos demasiados evidentes, nótase unha influencia indirecta de "Good".

http://youtu.be/i8dh9gDzmz8

O mesmo se pode aplicar o grande éxito de Semisonic "Closing Time", que tamén recibe a influencia dos temas anteriores. "Closing Time" pertence ó segundo álbum da banda Feeling Strangely Fine (1998).

xoves, 10 de abril de 2014

Waiting

Parecía que tras o excelente momento que viviu o punk máis comercial a mediados dos 90, as propostas de grupos como Green Day e Offspring quedaban un pouco desfasadas a finais desa década, pero eses mesmos grupos seguían tendo unha fantástica acollida entre os fans que conquistaran un lustro atrás. Talvez por iso queda a impresión que discos coma Warning, que Green Day publicou en 2000, é un dos máis frouxos na discografía da banda de Billy Joe Armstrong. Pero sería inxusto non recoñecer que en Warning tamén se encontran algunhas composicións dignas de mención. Sen ir máis lonxe, "Waiting", terceiro single extraído, agocha unha curiosidade respecto á melodía que non deixa de sorprender os melómanos. E é que lembra moito a dúas cancións cuxos estilos non se teñen ningún tipo de relación co estilo de Green Day.

http://youtu.be/bRu__STzDs0

Esas dúas cancións ás que "Waiting" tivo a fortuna de unir non se parecen moito entre elas e de feito "Waiting" amosa un vínculo que ata ese momento non existía entre ambas. A primeira é o famoso tema de Bobby Freeman "Do You Want to Dance?", de 1958 e que conta cun sinfín de versións, entre elas a dos Beach Boys, que quizais foi á que lle deu máis transcendencia. En calquera caso, esta é a orixinal, e non fai falta fixarse moito para apreciar a similitude que a canción de Green Day garda con ela.

http://youtu.be/4T6XIBIjKck

Á segunda tamén se lle pode aplicar o mesmo que á de Bobby Freeman. Nesta ocasión falamos da canción de Petula Clark "Downtown", incluída no álbum do mesmo título que a cantante inglesa publicou en 1964. É unha das cancións máis versionadas e "Waiting" garda algún trazo que devolve á memoria o son de "Downtown".

http://youtu.be/z_m4Qb0iW-o                                                                                                                                                                                                        

mércores, 12 de febreiro de 2014

Restless Heart Syndrome

É certo que cando Green Day editou 21st Century Breakdown (2009) a banda de Billie Joe Armstrong decidira continuar polo mesmo camiño que emprenderan co anterior disco American Idiot (2004). Con aquel álbum e collendo como referentes a The Who, Green Day ofrecía ó gran público unha especie de ópera rock que os afastaba notablemente do seu son primixenio e lles imprimía un son máis maduro, aínda que logo o resultado resultase algo fallido. Mais Billie Joe e os seus compañeiros Mike Dirnt e Tré Cool quedaron satisfeitos e sabían que o seguinte traballo tiña que seguir a mesma liña. Para iso encargáronse eles mesmos da produción e contrataron para que os axudase neses labores un peso pesado como Butch Vig. Se ben 21st Century Breakdown non é unha obra sublime, supera con creces ó seu predecesor, con cancións que por momentos lembran a Oasis, a The Electric Light Orchestra (ese "21 Guns" que xa apareceu por aquí), etc. Como non podía ser doutra maneira, o salto cualitativo que se producira no novo disco non se viu acompañado dun maior incremento nas vendas, xa que moitos fans non entenderon o xiro que estaba dando o grupo. "Restless Heart Syndrome" é a mellor canción do oitavo disco de Green Day.

http://youtu.be/fm5uY5hSA-8

E agora fixádevos na seguinte canción, a ver se non ten unha leve semellanza coa anterior de Green Day. Trátase de "The Angel and The Fool", unha das cancións pertencentes ó último disco de Broken Bells After the Disco, publicado o pasado mes de xaneiro, e que ten toda a pinta de ser un dos álbums do ano. E é que o proxecto do produtor Danger Mouse, que hai anos montara Gnarls Barkley xunto con Cee-Lo Green, e James Mercer, líder de The Shins, é unha das sorpresas máis agradables dos últimos anos, como así demostraron co seu debut hai catro anos. De momento só dispomos dun anaquiño de "The Angel and The Fool", pero o suficientemente significativo.

http://youtu.be/7l_TJ0us3VA

martes, 10 de decembro de 2013

Kanon und Gigue in D-Dur

Talvez a obra completa de Johann Pachelbel non sexa moi coñecida alén daqueles que coñezan ben a historia da música clásica, mais a importancia deste compositor nacido en Nuremberg en 1653 non se debe infravalorar. Arredor do ano 1680, Pachelbel compuxo a obra que habería de labra-lo seu nome na posteridad "Kanon un Gigue in D-Dur für drei Violinen und Basso Continuo", coñecida de forma abreviada como "Canon en re maior". Malia que a peza está pensada, tal como recolle o título, para tres violíns e un baixo continuo, o certo que a popularidade que acadou co tempo fixo que nalgunhas execucións se acabase incluíndo outros instrumentos, que non desvirtuan en absoluto a maxia que transmite a melodía. Non obstante, a técnica que emprega Pachelbel no Canon transcendeu máis aló das pautas clásicas e arestora non se entenderían algunhas cancións de pop rock sen a súa achega.


Como xa vimos algunha vez, nos anos 60 ponse de moda incorporar obras clásicas populares ós sons contemporáneos, xa sexa facendo versións cos novos instrumentos ou ben engadindo as melodías a cancións actuais. En 1968, a melodía do "Canon" vai dar lugar a dúas cancións que se haberían de colocar nos primeiros postos das listas de vendas dos seus respectivos países. Unha delas é a canción dos españois Pop Tops "Oh Lord!, Why Lord?"

http://youtu.be/9mx1Ah9dTuY

A segunda é "Rain and Tears" dos gregos Aphrodite's Child, o proxecto en común que tiñan Vangelis e Demis Roussos. Con esta canción conquistaron Europa.


Pero esquezámonos un momento da melodía do "Canon" e reparemos na estrutura, que viviu unha época de esplendor nos anos 90, ó ser reproducida nunhas cantas cancións. Vexamos dúas das que máis éxito tiveron. Unha é o single de Green Day "Basket Case", do álbum Dookie (1994).

http://youtu.be/GTwJo0HeNmU

A segunda é "Hook", un tema de Blues Traveler que aparece no álbum dos de Nova Jersey Four (1995).

http://youtu.be/arUpcpRR568

E se alguén pensaba que o "Canon" de Pachelbel non podía ter máis recorrido co cambio de século, hai que dicir que o músico taiwanés JerryC fíxose famoso en 2005 cunha versión rock, co título precisamente de "Canon Rock", o que confirma que o "Canon" soa ben con calquera instrumento. Quen llo ía dicir a Pachelbel!

http://youtu.be/4PjEaHGXhLM




xoves, 31 de maio de 2012

Telephone Line

A comezos dos anos 70 o rock evolucionou cara un son máis épico e fastuoso e deu lugar ó chamado rock sinfónico. Bandas como Yes, Pink Floyd e Genesis foron verdadeiros estandartes deste movemento no que tamén hai que incluír a Electric Light Orcuestra, tamén coñecida como ELO,que comezou a súa andaina en 1971. Cinco anos despois a banda de Birmingham xa era toda unha icona en Europa e coa publicación do seu sexto disco A New World Record (1976) mesmo conquistou o mercado americano, grazas sobre todo ó single "Telephone Line".


O proceso evolutivo que sufriu a carreira de Green Day dende as súas orixes mostra perfectamente a madurez que acadou a banda de Billy Joe Armstrong co paso dos anos. De ser o típico grupo punk para adolescentes, transformáronse nunha banda de rock comprometida cos problemas sociais e políticos dos tempos que corren,  algo que se viu en American Idiot (2004); aínda que, iso si, a bagaxe dos primeiros tempos fai que a actitude de Armstrong pareza algo inxenua, á parte de que lembre demasiado a un falso intelectualismo. En calquera caso, musicalmente o último álbum publicado por Green Day 21st Century Breakdown (2009) é o mellor da banda californiana, cunha coidada produción a cargo de Butch Vig, que lle deu profundidade o son de Green Day. Un dos temas máis destacados é "21 Guns", cunha melodía semellante por momentos á da canción da ELO.

venres, 30 de setembro de 2011

Wonderwall

Composta por Noel Gallagher, "Wonderwall" é un clásico dos anos 90; proba disto é a cantidade de versións que se teñen feito dende practicamente a súa publicación no segundo álbum de Oasis What's the Story? Morning Glory, que data de finais de 1995. Xunto co primeiro disco, Definitely, Maybe, son os traballos máis importantes da banda de Manchester.

 http://www.goear.com/listen/40b2cb9/wonderwall-oasis

Xa ó ano seguinte, en 1996, The Mike Flowers Pops realizou unha versión cun son moi orixinal, que incluíron no seu álbum A Groovy Place.

 http://www.goear.com/listen/0e30757/wonderwall-oasis-cover-the-mike-flowers-pops

A canción de Travis "Writing to Reach You" tamén se basea en "Wonderwall", xa que comeza igual. Está incluída no álbum The Man Who (1999).

http://www.goear.com/listen/5cfb680/writing-to-reach-you-travis

En 2004, Ryan Adams gravou a súa propia versión no disco Love is Hell. Esta versión non lle fixo moita a graza a Noel Gallagher, que consideraba que Ryan Adams non lle pedira permiso para publicala.

 http://www.goear.com/listen/b89151c/wonderwall-live-ryan-adams

Ese mesmo ano, Green Day publicou o seu álbum máis maduro ata ese momento, American Idiot, cuxo segundo single "Boulevard of Broken Dreams" contén unha progresión de acordes moi semellantes a "Wonderwall", ata o punto que os irmáns Gallagher a consideran un puro plaxio. En torno a esta polémica, hai quen mesturou ambas cancións para salientar as súas semellanzas. A continuación deixámosvos un remix.

 http://www.goear.com/listen/7c5e8f3/boulevard-of-broken-dreams-greenday

A continuación deixámosvos un remix: http://www.goear.com/listen/e94f2ee/boulevard-of-wonderwall-oasis-green-day

Pero quen lle ía dicir a Green Day, que Simple Plan, pupilos deles, haberían tomar algunhas notas de "Boulevard of Broken Dreams" en "Your Love is a Lie", do álbum epónimo de 2008. Cando se decaten os irmáns Gallagher...

http://youtu.be/IqgeBlUyoKo