xoves, 31 de maio de 2012

Telephone Line

A comezos dos anos 70 o rock evolucionou cara un son máis épico e fastuoso e deu lugar ó chamado rock sinfónico. Bandas como Yes, Pink Floyd e Genesis foron verdadeiros estandartes deste movemento no que tamén hai que incluír a Electric Light Orcuestra, tamén coñecida como ELO,que comezou a súa andaina en 1971. Cinco anos despois a banda de Birmingham xa era toda unha icona en Europa e coa publicación do seu sexto disco A New World Record (1976) mesmo conquistou o mercado americano, grazas sobre todo ó single "Telephone Line".


O proceso evolutivo que sufriu a carreira de Green Day dende as súas orixes mostra perfectamente a madurez que acadou a banda de Billy Joe Armstrong co paso dos anos. De ser o típico grupo punk para adolescentes, transformáronse nunha banda de rock comprometida cos problemas sociais e políticos dos tempos que corren,  algo que se viu en American Idiot (2004); aínda que, iso si, a bagaxe dos primeiros tempos fai que a actitude de Armstrong pareza algo inxenua, á parte de que lembre demasiado a un falso intelectualismo. En calquera caso, musicalmente o último álbum publicado por Green Day 21st Century Breakdown (2009) é o mellor da banda californiana, cunha coidada produción a cargo de Butch Vig, que lle deu profundidade o son de Green Day. Un dos temas máis destacados é "21 Guns", cunha melodía semellante por momentos á da canción da ELO.

Ningún comentario:

Publicar un comentario