martes, 15 de maio de 2012

Thunder Road

O terceiro disco do gran Bruce Springsteen, Born to Run (1975) está considerado un dos grandes na carreira do compositor de Nova Jersey e polo tanto,  non cómpre dicir que para calquera artista admirador do Boss este supón toda unha fonte de influencia, dende a primeira canción ata a última, malia a que só contén oito cancións, todas elas coa esencia da música de Springsteen e a E Street Band.  Born to Run ábrese con este delicioso "Thunder Road", un dos temas máis versionados.


Un dos discos onde máis se nota a presenza de Bruce Springsteen é no segundo de The Killers. A banda de Brandon Flowers acababa de conseguir situarse no mapa musical cun excelente debut Hot Fuss (2004) e para o seu segundo traballo necesitaban confirmar as expectativas que se levantaran en torno a eles. Así que dous anos despois vía a luz Sam's Town, un álbum que se podería calificar de rock clásico, debido as influencias de Springsteen e U2."When You Were Young", o single de lanzamento, parece unha canción asinada por Springsteen que podería pertencer tranquilamente a Born to Run. Mentres agardamos un novo traballo de The Killer tras os discos en solitario de Brandon Flowers e de Ronnie Vannucci, quedamos con un dos seus mellores temas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario