Trala eclosión do punk nos anos 70 en Reino Unido coa irrupción dos revolucionarios Sex Pistols, outras bandas británicas promoveron tamén a consolidación deste fenómeno en principio marxinal dentro do rock. Xunto a mencionada banda de Johnny Rotten e Sid Vicious e Jam, a banda de Paul Weller, destaca The Clash, liderados por Mick Jones, que en 1979 publicaban o seu terceiro traballo discográfico London Calling, que contén "Train in Vain", unha xoia ó final do álbum que non aparece no tracklist. Non por iso deixa de ser un dos temas máis importante e recoñecidos da banda británica, moi influente na historia do rock.
Versionada un número considerable de veces por artistas que recoñecen a influencia de The Clash no seu son, unha das máis destacadas é a que fixo Annie Lennox no seu disco de versións Medusa (1995) dándolle un toque soul.
Como sample aparece na canción de Garbage "Stupid Girl" do seu debut Garbage (1995). A banda do produtor Butch Vig e Shirley Manson empregaron como base o ritmo da batería de "Train in Vain".
"Train in Vain" tamén foi adaptada ó portugués pola banda de rock brasileira Ira!, que a gravaron para un concerto acústico de MTV Brasil en 2004. Titulárona "Pra Ficar Comigo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario