Amosando publicacións coa etiqueta Roxy Music. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Roxy Music. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de xullo de 2015

Amazona

O legado que deixou Bo Diddley co seu característico son deu lugar a cancións dos máis variados estilos. Un bo exemplo é a canción de  Roxy Music "Amazona", que compón o corte 3 de Stranded (1973), terceiro álbum da banda de Bryan Ferry. Malia que non se chegou a editar como single, "Amazona" é un dos temas máis coñecidos do disco e tamén a única ocasión que se atopa en Stranded de apreciar unha composición feita a medias entre Ferry e o guitarrista de Roxy Music, logo produtor de éxito, Phil Manzanera.


Ice-T  baseou parte do son da súa canción "That's How I'm Living", pertencente a Home Invasion (1993), en  "Amazona".

martes, 3 de marzo de 2015

The Price of Love

Os irmáns Don e Phil Everly déronse a coñecer a finais dos cincuenta precisamente como The Everly Brothers. A súa andaina ó longo de varias décadas deixou un pouso de moi boas cancións e excelentes versións doutros artistas que habería de facer deles unha das parellas de irmáns máis importantes da música. Case todo o mundo recórdaos agora por "All I Have to Do Is Dream", un tema lento que callou na memoria colectiva e nin sequera ningunha das versións que outros fixeron dela acadou o grao de popularidade da orixinal. No entanto, imos dedicarnos a outra gran canción dos Everly Brothers, neste caso "The Price of Love", que se editou como single en 1965 e que sería unha das grandes bazas do álbum, In Our Image (1966).


Hai unhas cantas versións moi boas de "The Price of Love" como a de Status Quo, cun son moito máis rockeiro. Editouse en 1969 e non se incluíu no álbum que a banda publicou ese ano.


Tamén distinta é a versión que Bryan Ferry gravou no álbum Let's Stick Together (1976), o terceiro en solitario á marxe de Roxy Music. A medida que ían aumentando as versións de "The Price of Love" tamén ía aumenta a duración destas.


A útlima gran versión de "The Price of Love" é a que fixo Marianne Faithfull no álbum Give My Love to London (2014).

mércores, 27 de febreiro de 2013

Simple Twist of Fate

Despois de editar dous discos coa compañía discográfica Asylum Records, Bob Dylan regresou á que fora a súa casa de toda a vida, Columbia, con Blood on the Tracks, un disco que contén toda a esencia dos primeiros anos de Bob Dylan. Era o seu xeito de entrar en 1975, xa que foi publicado en xaneiro dese ano. Malia a que facía o número quince na andaina de Dylan, Blood on the Tracks está considerado un dos  seus mellores traballos cunhas cancións que engaiolaron tanto a crítica, coma o público e a outros artistas que non dubidaron en facer versións das súas cancións favoritas. Unha das que destaca é "Simple Twist of Fate".


Unha das que destaca é a de Bryan Ferry para un dos tantos tributos que se lle teñen feito a Dylan. A versión de Bryan Ferry pertence concretamente a Dylanesque (2007), un disco con versións de Dylan no que Ferry homenaxea a este sensacional compositor.


Tamén existen versións en castelán. Nacho Vegas adaptouna co título "Un Simple Giro del Destino" en 2011.


Cunha tradución libre, que xa non ten que ver coa letra orixinaria de Dylan, o compositor fenés Roger De Flor titulou a súa versión "Una Desconocida Más" no álbum Canciones de Amor y Retranca (2007).


mércores, 7 de novembro de 2012

I Put a Spell on You

Unha desas cancións inesquecibles que marcaron unha época e que nunca pasarán de moda é "I Put a Spell on You". O seu creador, Screamin' Jay Hawkins, un cantante de soul e rhythm & blues, posiblemente non se imaxinou a repercusión que esta canción ía ter non só para aqueles artistas que fixeron do soul o seu estilo predilecto, senón tamén para os rockeiros, que non dubidaron en incorporar o son das súas guitarras ás notas de "I Put a Spell on You". Incluída no disco de Screamin' Jay Hawkins At Home with Screamin' Jay Hawkins (1956), a canción pasou totalmente desapercibida, pero precisamente serían os artistas que a acabaron versionando quen colocarían esta excelente canción nos anais da música.


Unha das primeiras versións que colocaron a canción máis famosa de Sreamin' Jay Hawkins nas listas de vendas foi a de Nina Simone en 1965. Unha das grandes damas do soul redescubriuna para o gran público nun momento fundamental na historia da música.


Pero unha das versións máis lembradas é a de Creedence Clearwater Revival do álbum epónimo da banda dos irmáns Fogerty publicado en 1968. Malia que foron os integrantes de The Animals, Alan Price, por un lado, e Eric Burdon por outro, dos primeiros en empregar a electricidade neste tema, en 1968 a versión de Creedence Clearwater Revival supuxo toda unha revolución.


E que dicir do aire glam que o líder de Roxy Music, Bryan Ferry lle deu a súa versión.


Mesmo a dj Sonique se animou a lanzala en versión electrónica para as pistas de baile nunha proba máis da atemporalidade deste tema, que conta tamén con excelentes versións de Joe Cocker, She & Him e a que gravou Joss Stone con Jeff Becker, todas recomendables. Alguén lle pode pedir máis a unha canción?


E para rematar, o tema de Frank Sinatra "The World We Knew (Over and Over), un tema tradicional ó que Sinatra lle engadiu os acordes de "I Put a Spell on You". Foi publicada en 1967 no álbum do mesmo título.