Unha desas cancións inesquecibles que marcaron unha época e que nunca pasarán de moda é "I Put a Spell on You". O seu creador, Screamin' Jay Hawkins, un cantante de soul e rhythm & blues, posiblemente non se imaxinou a repercusión que esta canción ía ter non só para aqueles artistas que fixeron do soul o seu estilo predilecto, senón tamén para os rockeiros, que non dubidaron en incorporar o son das súas guitarras ás notas de "I Put a Spell on You". Incluída no disco de Screamin' Jay Hawkins At Home with Screamin' Jay Hawkins (1956), a canción pasou totalmente desapercibida, pero precisamente serían os artistas que a acabaron versionando quen colocarían esta excelente canción nos anais da música.
Unha das primeiras versións que colocaron a canción máis famosa de Sreamin' Jay Hawkins nas listas de vendas foi a de Nina Simone en 1965. Unha das grandes damas do soul redescubriuna para o gran público nun momento fundamental na historia da música.
Pero unha das versións máis lembradas é a de Creedence Clearwater Revival do álbum epónimo da banda dos irmáns Fogerty publicado en 1968. Malia que foron os integrantes de The Animals, Alan Price, por un lado, e Eric Burdon por outro, dos primeiros en empregar a electricidade neste tema, en 1968 a versión de Creedence Clearwater Revival supuxo toda unha revolución.
E que dicir do aire glam que o líder de Roxy Music, Bryan Ferry lle deu a súa versión.
Mesmo a dj Sonique se animou a lanzala en versión electrónica para as pistas de baile nunha proba máis da atemporalidade deste tema, que conta tamén con excelentes versións de Joe Cocker, She & Him e a que gravou Joss Stone con Jeff Becker, todas recomendables. Alguén lle pode pedir máis a unha canción?
E para rematar, o tema de Frank Sinatra "The World We Knew (Over and Over), un tema tradicional ó que Sinatra lle engadiu os acordes de "I Put a Spell on You". Foi publicada en 1967 no álbum do mesmo título.
Ningún comentario:
Publicar un comentario