martes, 6 de novembro de 2012

Hard to Handle

O soul viviu unha época de esplendor durante a década dos 60 e unha das voces privilexiadas que ensalzou este estilo orixinario dos Estados Unidos foi Otis Redding. O malogrado cantante nacido en Dawson, no estado de Xeorxia, converteuse nunha lenda grazas a cancións como "Hard to Handle", un éxito póstumo publicado no verán de 1968, seis meses despois de que Redding perdese a vida; unha nova traxedia para o soul que se sumaba á perda de Sam Cooke uns anos antes.


Das numerosísimas versións de "Hard to Handle", os críticos musicais destacan a que fixo The Black Crowes no álbum Shake Your Money Maker (1990), o álbum de debut da banda dos irmáns Robinson, que acertan de cheo ó imprimirlle a "Hard to Handle" un toque rockeiro sen renunciar ó aire blues que emana a versión orixinal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario