Amosando publicacións coa etiqueta Elton John. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Elton John. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de decembro de 2014

Sad

Nick Littlemore é dos músicos e produtores máis activos de Australia. A finais dos anos noventa xunto con Peter Mayes puxo en funcionamento Pnau, un proxecto de música electrónica que provocou as loas da crítica naquel país. Tras consagrarse co terceiro álbum, Pnau (2007), Littlemore comezou a colaborar nunha nova aventura, esta vez xunto co seu amigo Luke Steele, que sería unha das grandes revelacións de 2009, o ano en que Empire of the Sun facía o seu debut. O fulgurante éxito planetario de Empire of the Sun non escureceu a Pnau, que volvía con forza en 2011 cun novo traballo, Soft Universe e un ano despois facíase realidade o soño dun dos grandes admiradores de Pnau, Elton John, que uns anos antes expresara o seu desexo de traballar nun álbum conxunto cos australianos. Aparecía deste xeito Good Morning to the Night (2012) onde as novas cancións están feitas con retrincos, case imperceptibles no resultado final, do repertorio de Elton John. Unha das máis fermosas é sen dúbida "Sad".

http://youtu.be/b4V7Bnfp7Nk

En "Sad" interveñen cinco cancións, a maioría pertencente ós anos setenta. A máis antiga é "Friends", de 1971, escrita por Elton John e Bernie Taupin para a película do mesmo nome.

http://youtu.be/17u9mxdvQEo

Outra é "Curtains",  que pecha o noveno álbum de Elton John, Captain Fantastic and the Brown Dirt Cowboy (1975).

http://youtu.be/Ch73A5Ticgw

De Blue Moves (1976) Pnau extraen dúas cancións que incorporan a "Sad". Unha delas é a coñecida "Sorry Seems to Be the Hardest Word".

http://youtu.be/c3nScN89Klo

A outra é a animada "Crazy Water".

http://youtu.be/ensQVABZjbQ

Por último, recuperan "Nice and Slow", a canción que abre o EP The Complete Thom Bell Sessions (1989) e quizais a máis fácil de identificar en "Sad". A combinación de diversos elementos destas cancións acertan de cheo no traballo de Pnau e Elton John, unha colaboración máis que afortunada.

http://youtu.be/lmO5r-gslOc

venres, 5 de setembro de 2014

Famous Blue Raincoat

A sensibilidade e o lirismo das letra e da música de Leonard Cohen están presentes desde os seus primeiros traballos discográficos. Con cada álbum que o canadense ía sacando á luz aumentaba o seu prestixio e non tardou en converterse nun dos grandes referentes do folk máis intimista. En 1971 aparecía o seu terceiro disco Songs of Love and Hate con oito cancións, algunha das cales son das máis versionadas da discografía de Cohen. É o caso de "Famous Blue Raincoat", que ademais das numerosas versións que se fan cada ano, é un dos temas máis influentes.


No que respecta á melodía, "Famous Blue Raincoat" deixou rastros nas composicións doutros autores inclinados por estilos máis comerciais có folk. Na melosa canción de Albert Hammond "When I Need You" parece reproducirse por momentos a liña melódica da canción de Cohen. "When I Need You" pertence ó álbum de Hammond do mesmo título editado en 1976, pero acadou renome na voz de Leo Sayer un ano despois ó colocala nas primeiras posicións das listas.


E algo parecido ó que lle ocorreu a Albert Hammond pasoulle a Elton John co tema "Little Jeannie", de 21 at 33 (1980), aínda que esta vez as semellanzas parecen estar máis emparentadas con "When I Need You" que con "Famous Blue Raincoat". Por se fose pouco, esta canción de Elton John tamén recorda a unha anterior do propio artista.


Sen dúbida, é inevitable escoitar "Little Jeannie" sen acordarse de "Daniel", o éxito de Elton John que aparece en Don't Shoot Me I'm Only the Piano Player (1973).

martes, 29 de outubro de 2013

Bennie and the Jets

Elton John e Bernie Taupin formaron un dúo de compositores que lle reportou ó primeiro deles un feixe de alegrías en forma de cancións, que hoxe son imprescindibles no repertorio de Elton John.Unha delas é sen dúbida "Bennie and the Jets", que aparece no disco Goodbye Yellow Brick Road (1974), un dobre álbum que recolle algunhas das cancións máis coñecidas de Elton John. Facía a conta número sete na traxectoria do músico británico.


O primeiro sample que atopamos de "Bennie and the Jets" é no tema de Mary J. Blige "Deep Inside". A cantante de R&B recorre á música de Elton John na canción do álbum  Mary (1999).


Tampouco se resistiu á tentación de "Bennie and the Jets" Ashanti, que a sampleou en "Good Good", un dos seus singles extraídos do álbum The Declaration (2008).



Pero na estrutura de "Good Good" non só atopamos a "Bennie and the Jets", xa que hai outra famosa canción que contribúe co seu son a facer de "Good Good" unha das mellores cancións de Astani. Trátase de "The Girl is Mine", interpretada por Michael Jackson e Paul McCartney. A colaboración destes dous xenios forma parte do mítico Thriller (1982) e a canción  tampouco escapou da polémica no seu momento. Robert Smith sinalou que lembraba moito ó estilo dalgúns temas de The Cure, pero Fred Sanford acusou a Michael Jackson por plaxia-la súa canción "Please Love Me Now". (Gustaríanos ofrecervos algunha ligazón á canción de Sanford para que puidésedes comparar e sacar as vosas propias conclusións, pero non nos foi posible atopalo, así que vos pedimos desculpas.)

luns, 22 de xullo de 2013

I'm Still Standing

En 1983 Elton John publicaba Too Low for Zero, o seu decimosétimo traballo discográfico, no que contou en todo momento coa colaboración de Bernie Taupin nas letras mentres que Elton John se dedicou a compór a música de case tódolos temas. Seguindo na liña que o dera a coñecer unha década antes, Elton John ofrécelle o público un disco cheo de pop con matices que recollen a frescura do glam, que daquela, xa comezaba a decaer. Isto vese ben nun dos temas máis animados do álbum. "I'm Still Standing".


A colaboración que Elton John lles prestou a Scissor Sister para o seu segundo disco Ta-Dah (2006) quedou reflectida moi ben nalgunhas cancións coma en "She's My Man", que conta con reminiscencias de "I'm Still Standing".

xoves, 30 de maio de 2013

Crocodile Rock

Vaia canción se sacou da manga Elton John no seu sexto disco Don't Shoot Me I'm Only the Piano Player, de 1972! "Crocodile Rock" é unha canción de comezos dos 70, pero para quen non a coñeza ou non recoñeza a voz de Elton John, con toda probabilidade pensará que está datada nos anos 50 porque o estilo é clavado. Elton John, que para entón xa tiña uns cantos éxitos, quixo homenaxear deste xeito aqueles primeiros anos onde o rock marcaba un estilo de vida.


Evidententemente, a maxia desta canción rastréxase nalgúns clásicos dos 50. Os críticos sinalan especialmente dúas cancións das que Elton John empregou como fontes de inspiración para "Crocodile Rock". A primeira é "Little Darlin'", un tema escrito por Maurice Williams e gravado por The Diamonds en 1957 cun comezo moi parecido.


A segunda é "Speedy Gonzales", o tema que orixinariamente gravou David Dante en 1961 e que Pat Boone levou ó alto das listas de éxito en 1962.


martes, 18 de decembro de 2012

Space Oddity

En 1969 o panorama musical asistía ó nacemento dun xenio que habería de crear o seu propio estilo dentro do rock: o glam. Falamos como non, do gran David Bowie, que cun disco homónimo, asentaba as liñas mestras que haberían de asentar a súa traxectoria. Unha das cancións principais é a que abre ó álbum "Space Oddity", unha balada inspirada na famosa película de Stanley Kubrick.


E cun son moi semellante, que lembra moito "Space Oddity", Elton John gravou en 1972 "Rocket Man", do álbum Honky Château, o quinto álbum do cantante inglés.


De "Rocket Man" fixéronse unhas cantas versións realmente notables, coma a de Kate Bush no álbum tributo a Elton John e ó seu compositor Bernie Taupin Two Rooms: Celebrating the Songs of Elton John & Bernie Taupin (1991).


Tampouco queda atrás a de My Morning Jacket en 2004 no álbum Early Recordings.


Ou a de David Fonseca en 2007 no álbum Dreams in Colour. O cantante portugués dálle o seu particular toque a este clásico. Curiosamente, os artistas prefiren decantarse polo tema de Elton John antes que polo de Bowie.

martes, 22 de maio de 2012

Lucy in the Sky with Diamonds

É moi complicado quedar só cunha canción do excelente Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, o disco antolóxico dos Beatles de 1967 e que supuxo a culminación dun proceso que se vislumbraba dende Revolver e que converteu ós de Liverpool en algo máis que outra banda de pop rock británica á cabeza das listas de éxito en todo o mundo. "Lucy in the Sky with Diamonds", o terceiro corte do álbum, compúxoa John Lennon despois de ver un debuxo do seu fillo Julian que mostraba á súa amiga Lucy entre diamantes. Con todo, ó publicaren ó disco en plena efervescencia da psicodelia, moitos malpensados creron que as iniciais do título da canción facía referencia ó LSD e polo tanto era unha apoloxía das drogas; unha lenda máis que envolve todo o relacionado con The Beatles.


A maioría das versións que se fixeron deste tema aparecen en recompilatorios dedicados a The Beatles, pero  un dos primeiros que se animou a gravar "Lucy in the Sky with Diamonds" foi Elton John en 1974.


Mesmo Pink Floyd fixo unha referencia a esta canción de The Beatles no single "Let There Be More Light" do álbum A Saucerful of Secrets (1968).

http://www.goear.com/listen/43cff04/let-there-be-more-light-pink-floyd

E antes de seguir con "Lucy in the Sky with Diamonds", cómpre indicar que a canción de Pink Floyd sentou a base para un dos éxitos de Placebo. Concretamente, "Taste in Men", do álbum Black Market Music (2000).

http://www.goear.com/listen/1765b36/taste-in-men-placebo

"Lucy in the Sky with Diamonds" tamén está na base doutras cancións que irremediablemente lembran a orixinal. É o caso de Hyde, cantante xaponés que en 2003 publicou o seu segundo álbum 666 onde está incluído "Horizon".