Amosando publicacións coa etiqueta Muse. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Muse. Amosar todas as publicacións

martes, 15 de marzo de 2016

Rain (3)

Velaquí unha nova entrega da serie monográifica dedicada ás cancións que falan de choiva. Para esta ocasión ofrecémosvos seis cancións dos oitenta e dos noventa, que seguro saberán degustar os amantes do pop e do rock de hai unhas décadas. Arrincamos coa sensacional canción de Whitesnake "Crying in the Rain", que aparecía por primeira vez no quinto álbum da banda, Saints & Sinners (1982) e que logo Whitesnake habería de volver gravar no álbum epónimo que se editou en 1987.

 http://cdn5.xombitmusic.com/wp-content/blogs.dir/31/files/2015/04/whitesnake.jpghttps://youtu.be/G3iVEb8ujQk

Tamén magnífica é a canción de Peter Gabriel "Red Rain", pertencente ó álbum So (1986). Sen dúbida ningunha, esta canción constitúe unha das máis aclamadas na discografía do ex líder de Genesis.

 https://s-media-cache-ak0.pinimg.com/236x/c9/26/dc/c926dcbfd0321313eda696d2cb62a944.jpghttps://youtu.be/FkLTwX0duY4

Outro exemplo de canción que fala de choiva procede dos escoceses The Jesus and Mary Chain con "Happy When It Rains", pertencente a  Darklands (1987). O título desta canción habería de inspirar anos máis tarde unha das máis famosas de Garbage, que tamén veremos noutra entrega deste monográfico sobre a choiva.

 http://40.media.tumblr.com/tumblr_li1ycnxvwa1qg9t48o1_500.jpghttps://youtu.be/UOJFPyHovgM

Ó igual que fixera o seu ex colega de Genesis, Phil Collins tamén lle escribiu á choiva en  "I Wish It Would Rain Down", tema do álbum  ...But Seriously (1989).

http://www.maxfm.com.tr/files/artists/phil-collins/images/phil1009.jpghttps://youtu.be/YcY3FH208l8

E rematamos por hoxe con dous temas moi rockeiros de 1997 que levan o mesmo título, "Rain". A primeira é a canción de Muse, que daquela aínda estaba case en cueiros e aínda non chegara a editar ningún álbum. De feito, a canción "Rain" da banda de Matt Bellamy pertence a unha das maquetas que Muse editou ó longo da súa traxectoria, Newton Abbot Demo (1997).

http://img.boredbee.net/imager/w_500/h_/0b594296f00d4d1b6a99639a10f9d5ef.jpghttps://youtu.be/dTQ0C7EH3nI

Ese mesmo ano unha das bandas máis veteranas do rock, Kiss, publicaba Carnival of Souls: The Final Sessions (1997) onde tamén aparece unha canción titulada "Rain".

http://www.kissforeverband.hu/images/galery%20(18).jpghttps://youtu.be/z0F-yyT4XZo

martes, 19 de maio de 2015

Can't Take My Eyes Off You

O carisma de Frankie Valli dentro de The Four Seasons pedía a berros un espazo propio, así que o seu salto como cantante en solitario era un paso natural. Pero mentres noutras bandas con este tipo de decisións xurdían conflitos e producíase algún que outro trauma, en The Four Seasons viuse como unha etapa máis dentro da banda, de tal xeito que o título do álbum en solitario con que Valli debutou foi The 4 Seasons Present Frankie Valli Solo (1967). Por se puidese quedar algunha dúbida do apoio que Frankie Valli recibiu dos seus compañeiros, a meirande parte das cancións están asinadas polos compositores habituais da banda, Bob Crewe e Bob Gaudio, polo que a idea de que no fondo non deixa de ser outro de The Four Seasons acentúase. A carreira en solitario de Frankie Valli non puido empezar con mellor pé; o single "Can't Take My Eyes Off You" tivo unha gran acollida e é unha das máis versionadas da historia do pop.


Resulta moi difícil escoller unhas poucas versións entre tantas boas que se fixeron deste tema de Crewe e Gaudio. Unha das que máis sorprende é a que gravaron Manic Street Preachers na cara B dun dos singles do álbum Everything Must Go (1996). A versión de "Can't Take My Eyes Off You" só se editou en Australia.


Nas últimas décadas, a versión que fixo Lauryn Hill no seu álbum en solitario The Miseducation of Lauryn Hill (1998) gozou dunha gran popularidade. É unha das máis recordadas e deulle unha nova volta á canción.


Tampouco Muse se resistiu ó encanto de "Can't Take My Eyes Off You". A banda de Matt Bellamy gravouna na cara B dun dos singles do compilatorio Hullabaloo Soundtrack (2001).

https://youtu.be/HIdIOXNzlRw

xoves, 3 de xullo de 2014

Uprising

Muse levantara moita expectación despois do éxito acadado con Black Holes and Revelations (2006) e a espera de novo material trala pílula do álbum en directo HAARP (2008) fíxose algo máis longa para os milleiros de fans que Muse ían sumando ano tras ano. Mais un ano despois, Muse anunciaba que xa terminaran o novo álbum, The Resistance (2009), un traballo cunha importante carga épica que se mostraba nos acordes sinfónicos cos que están construídas boa parte das cancións do disco e no título dalgunha delas coma "Resistance" e "Uprising". Precisamente esta última foi escollida como single oficial de presentación e ademais de ser unha excelente mostra da capacidade de Matt Bellamy para compór e producir, ofrece retazos das influencias que inspiraron a Bellamy, proceso que por outra parte é bastante habitual atopar nunhas cantas cancións da discografía de Muse. "Uprising" garda na súa estrutura o gusto de Matt Bellamy pola música de Blondie e polo de Black Sabbath, dúas correntes en principio moi diferentes que converxen indirectamente de forma maxistral na creación de "Uprising", sen que ningunha delas se utilizase explicitamente.


A crítica móstrase bastante unánime ó considerar que na elaboración de "Uprising" interveñen, por un lado a canción de Black Sabbath "Children on the Grave", e por outro "Call Me" de Blondie. A primeira pertence ó álbum Master of Reality (1971), o terceiro da banda de Ozzy Osbourne.


"Call Me" está incluída no álbum de Blondie American Gigoló (1980) e é unha das cancións máis aclamadas da banda de Debbie Harry, quen a escribiu xunto a Giorgio Moroder, produtor do disco. Algúns dos acordes de "Call Me" poden relacionarse mesmo coa canción de Black Sabbath.

martes, 15 de abril de 2014

Tocata e Fuga en D Menor, BWV 565

Non é ningún segredo que Johann Sebastian Bach é un dos compositores clásicos favoritos de tódolos tempos e a "Tocata e Fuga en D Menor", publicada en 1833, unha das pezas imprescindibles na cultura popular contemporánea. Tanto no cine coma na música, a "Tocata e Fuga en D Menor" foi reproducida ata chegar a ser unha das pezas máis coñecidas de Bach, que en moitos casos se pode considerar un músico comodín, pola cantidade de veces que aínda hoxe se recorre a súa obra como fonte de inspiración. E todo iso sen esquecer que está concebida para un instrumento coma o órgano, que tampouco é dos que máis habitualmente se empregan hoxe na música popular.

http://youtu.be/IVJD3dL4diY

Unha das cancións máis orixinais baseadas nesta composición de Bach é a instrumental en clave rock que Jon Lord, componente de Deep Purple, titulada "Bach Onto This", no álbum en solitario deste rockeiro Before I Forget (1982).

http://youtu.be/l9OFZ9Mh7GA

Michael Cretu tamén escolleu esta peza de Bach para darlle comezo á canción "The Rivers of Belief", nun dos discos máis coñecidos de Enigma, MCMXC a.D. (1990).

http://youtu.be/Xqb18bqNtEw

Do mesmo xeito comeza a canción de Blondie "No Exit", que lle dá título ó album co que a banda de Debbie Harry volvía o panorama musical en 1999 despois de máis dunha década de silencio. Cun son entre o rock e o hip hop, Blondie contaron neste tema coa colaboración de Coolio.

http://youtu.be/ZGrK0bil4lI

Pero a música de Bach non é a  do único compositor clásico que se pode apreciar na canción de Blondie, xa que tamén hai un pequeno fragmento da coñecida peza orquestral de Edvard Grieg, " I Dovregubbens", composta para a obra de Ibsen Peer Gynt, de 1876.

http://youtu.be/uQxsyA6s90Y

Volvamos de nova á obra de Johann Sebastian Bach, que tamén inspirou a Matt Bellamy en "Plug In Baby", tema que aparece no álbum Origin of Symmetry (2001). Os acordes do comezo remiten igual que as cancións anteriores á famosa Tocata.

http://youtu.be/Vsapab5LwcY

venres, 27 de decembro de 2013

We Care a Lot

En 1985 debutaba na escena alternativa americana unha das bandas destinadas a labrarse un nome cos sons de vangarda. Falamos de Faith No More, formada uns cantos anos antes por Billy Gould e Mike Bordin en San Francisco. O primeiro disco foi We Care a Lot, dez cancións nas que destacaba precisamente a que lle dá título ó album e que foi elixida como single de lanzamento. A mestura de hardcore co mellor estilo do funk e unhas pingas de algo que lembra moito o hip hop auparon a Faith No More como unha desas bandas cuxa traxectoria non se debe perder de vista, e como así foi, dende ese temperán lanzamento, os traballos de Faith No More son tidos moi en conta tanto polos seus numerosos fans coma por outros artistas.


E é que de "We Care a Lot" podemos atopar versións nos discos das principais bandas de rock e métal, e incluso un dos grandes mestres coma Nick Cave non se resistiron a interpretala algunha vez. Metallica, Soundgarden, Pearl Jam, Judas Priest e Stone Temple Pilots son algúns dos exemplos. Pero tamén debido á repercusión de "We Care a Lot" non se librou de ser sampleada. O exemplo máis coñecido é un dos éxitos de MC Hammer "Pray", que aparece no álbum Please Hammer, Don't Hurt 'Em (1990).


E xa máis recentemente, atopamos o sample da batería nunha das cancións do último disco de Muse The 2nd Law (2013), concretamente en "Panic Station", onde a banda de Matt Bellamy reinventa o son de Inxs.

luns, 19 de agosto de 2013

New Life

En plena efervescencia da New Wave e cando o movemento dos New Romantics ameazaba con converterse no son que ía dominar a década dos 80, Depeche Mode daba comezo a súa andaina entre unha chea de grupos cun son moi semellante que se apuntaran á nova moda. Daquela, a banda de Martin Gore e Dave Gahan e na que aínda militaba Vince Clarke, só era unha máis na procura dun sitio nesa música electrónica que lle debía todo ós sintetizadores. Hoxe en día, consagrada como unha das bandas máis grandes, volvemos á vista ás orixes de Depeche Mode cunha canción asinada por Clarke. "New Life" foi o segundo single de Depeche Mode, a primeira canción que abre o primeiro disco Speak & Spell (1981), unha pequena mostra dunha época que chegou a deixar unha pegada imborrable.


Esa pegada imborrable asómase de vez en cando na música de bandas e artistas que viven nos últimos anos un período no máis alto, dun xeito máis ou menos visible por momentos. Muse é unha das bandas que mellor recolle o legado de Depeche Mode desa primeira época. Talvez o caso onde mellor se aprecie sexa na canción "Undisclosed Desires", que se atopa no disco The Resistance (2009). Cun ritmo moito máis pausado que na canción de Depeche Mode, algúns fragmentos conteñen ecos que evocan a "New Life".

mércores, 29 de maio de 2013

La Marche d'Austerlitz

Ás veces, as composicións creadas expresamente para o cinema transcenden máis aló do éxito da propia película para a que foron creadas. Isto pode deberse á beleza da composición en si ou ben por mor doutras circunstancias externas, como pode ser un posible caso de plaxio no que se vexa envolta. Cando isto último acontece, esa composición sempre irá da man da outra composición coa que ambas sempre pervivirán no recordo, algo que a fin de contas, resulta positivo. Algo así pasa con "La Marche d'Austerlitz", creada polo francés Jean Ledrut para a película Austerlitz de 1960. Ofrecémosvos un extracto.


A composición de Ledrut é totalmente orixinal e seguramente moi pouca xente se acordaría hoxe dela se non fose porque en 1962, dous anos despois do estreno da película, Jean Ledrut se vise na desagradable situación de ter que denunciar a unha banda por un posible paxio. The Tornados, na que curiosamente un dos seus membros era George Bellamy, o pai do líder de Muse, acababa de lanzar un dos seus singles máis famosos "Telstar" cando se desencadeou a polémica. Os Tornados, que se caracterizaron sempre por facer rock instrumental víanse así envoltos nunha controversia que dalgún xeito empañaba unha andaina brillante de seu.


Aparte de polémicas, coma a música contemporánea parece demandar sempre unha letra que acompañe á melodía, non pasara un ano da aparición de "Telstar" como single cando Kenny Hollywood gravou unha versión con letra titulada "Magic Star".


Aberta a veda, seguiron as versións noutros idiomas como en francés co título "Telstar: une étoile en plein jeur" a cargo de Colette Deréal.


Ou en alemán, que a interpretou Camillo Felgen en 1962 co nome "Telstar (Irgendwann Erwacht Ein Neuer Tag".



E mesmo hai unha versión instrumental  co título en italiano  "L'ingenier Giovanni e Famiglia" de Piero Umiliani en 1975.

http://youtu.be/XDslCmJ9CQc

Na mesma liña, a canción de Perrey and Kingsley "Visa to the Stars", tamén instrumental e que aparece no álbum de debut The In Sound from Way Out! de 1966 ten unha semellanza notable con "Telstar" e "la Marche d'Austerlitz".

http://youtu.be/3jseM1ghDtE

Xa máis recentemente, "Telstrar", ou para falar con propiedade "La Marche d'Austerlitz", volve aparecer no tema de Muse "Knights of Cydonia", do álbum Black Holes and Revelations (2006), concretamente no son da guitarra, tan semellante. Supoñemos que Matt Belamy lle pediría permiso ó pai.

http://youtu.be/z9D71pQaTnc

mércores, 27 de marzo de 2013

Nocturno Op. 9 nº 2

A música clásica sempre foi unha fonte de inspiración para a música moderna, sobre todo a que se fixo século XX, onde os compositores clásicos se atreveron a innovar no posible un estilo cuxas regras son bastante estrictas e deixan pouca marxe para novos inventos e aínda así se conseguiron grandes resultados, decisivos para o desenvolvemento do rock. Pero tamén os músicos buscaron influencias nos grandes coma Beethoven, Mozart e Bach, sen deixar de lado ó protagonista da entrada de hoxe: Fryderyck Chopin, un dos mellores pianistas da historia xunto con Liszt, outro coñecido para os amantes do rock alternativo. Un dos maiores legados que nos deixou Chopin foron os seus nocturnos. O que vos presentamos hoxe, "Nocturno Op. 9 nº 2" en mi bemol maior, revive no final dunha canción recente.


Esa canción recente é "United States of Eurasia" coa que Muse deu a coñecer o seu quinto álbum The Resistance en 2009. Conta cunha parte final instrumental con título propio "Collateral Damage" baseada no nocturno de Chopin que vimos antes. A estrutura da canción enteira é claramente un tributo a toda a música clásica na que se apreicia a formación neste estilo de  Matt Bellamy.

xoves, 29 de novembro de 2012

Feeling Good

Nos anos 60 os musicais gozaron dunha popularidade absoluta con cancións que transcenderon máis aló deste xénero escenográfico para incorporarse á música popular. Algunhas cancións acadaron tal éxito que mesmo funcionan de xeito independente da obra musical da que forman parte. Algo así é o que lle pasou o musical The Roar of the Greasepaint - The Smell of the Crowd, de 1965 que nos deixou unha gran canción composta por Anthony Newley e Leslie Bricusse, titulado "Feeling Good" e cantada polo protagonista do musical Cy Grant.


Ese mesmo ano apareceu unha versión de "Feeling Good" na voz de Nina Simone para o seu álbum de versións I Put a Spell on You, que axudou de maneira notable a popularizar esta canción no imaxinario colectivo.


"Feeling Good" é un dos temas máis versionados de todos. Artistas como Sammy Davis Jr, Traffic, Sheryl Crow, Eels e Michael Bublé, entre moitos outros, interpretárona nalgún momento nalgún dos seus traballos discográficos. Un dos últimos grupos en sumarse a esta lisa é Muse. A banda de Matt Bellamy gravouna no álbum Origin of Symmetry (2001) e con esta nova versión demostrouse que "Feeling Good" é un clásico disposto a perpetuarse neste novo século.


venres, 24 de agosto de 2012

Numb

As expectativas que se crearon trala publicación de Achtung Baby (1991) foron altas para U2. Mais o que podería ser un contratempo para unha banda novel non supuxo outra cousa que un reto de fácil superación para Bono e compañía. Así que en 1993, tanto público coma crítica aplaudiron a publicación de Zooropa, oitavo álbum dos irlandeses que se presentaba cunha sorpresa. O single elexido para a promoción foi o corte 3 "Numb" onde The Edge se puña á fronte do micrófono principal. 


Moi parecido é o tema co que os australianos Savage Garden se deron a coñecer en medio mundo, "I Want You", do álbum epónimo publicado en 1996.

http://www.goear.com/listen/19dd06e/i-want-you-savage-garden

Moito está dando que falar o novo single que acaba de presentar Muse como adianto do seu novo traballo discográfico The 2nd Law que con toda seguridade sairá ó mercado o vindeiro mes de outubro. "Madness" é a segunda canción que se coñece deste novo disco tras "Survival", a canción oficial dos Xogos Olímpicos que se celebraron en Londres, e dende que a deron a coñecer todo o mundo empezou a comparala con outras cancións buscando posibles influencias e semellanzas, xa que todos parecen coincidir en que ten un aire demasiado "oitenteiro". Para algúns parécese "I Want to Be Free" de Queen, e é innegable que a canción débelle moito á banda do inesquecible Freddie Mercury; xa só a guitarra que se escoita cara ó final do tema parece propia de Brian May. Para outros, lembra moito tamén ós primeiros tempos da carreira de George Michael en solitario e apuntan directamente a "Faith". Na nosa humilde opinión, estamos de acordo con todas estas análises, pero se nos temos que decantar cunha das influencias máis claras é a de U2; o son en xeral ten tamén moito de Zooropa, en concreto de "Numb"; case se podería dicir que Matt Bellamy mesturou con mestría todas esas influencias en "Madness" e mesmo se sinala que a canción está máis próxima a "Undisclosed Desires", de The Resistance (2009) ca a calquera outra canción de Muse. En calquera caso, estamos de novo ante unha enorme canción dos de Devon, xa só falta que deseñen definitivamente o seu propio estilo para que non se volva confundir cos dos demáis artistas.

venres, 13 de xullo de 2012

Isi

Unha das bandas pioneiras da electrónica que máis contribuíron á consolidación desta corrente dentro da música contemporánea é Neu!. Formada en Alemaña por Klaus Dinger e Michael Rother a comezos dos 70, apenas tivo éxito no seu momento, pero hoxe o seu legado é clave para entender o son máis experimental que posteriormente desenvolveron outros artistas e grupos, dende David Bowie e Brian Eno ata Radiohead. Xunto cos seus paisanos Kraftwerk, Neu! reinventaron un novo concepto de son. "Isi", o tema que abría o terceiro álbum NEU! 75' (1975) é dos máis influentes da banda alemá.


O movemento New Romantic débelle moito á música de Neu! e de Kraftwerk e é evidente que Midge Ure e os demais compoñentes da banda británica Ultravox se empaparan do son dos xermanos para darlle pulo ó seu proxecto. "Vienna", do álbum do mesmo título de 1980, é unha herdeira natural de Neu!.


E a proba de que este é un son que nunca cairá no esquecemento atopámolo en Muse. Matt Bellamy imprimiulle un aire épico ó último disco publicado ata o momento polos británicos con sons grandilocuentes. The Resistance (2009) reivindica o rock sinfónico como unha tendencia aínda vixente que pode dar moito xogo nestes tempos con estilos moi eclécticos dentro da música, de aí que obtivera un gran recoñecemento.  En "Guiding Light", quinto corte dese disco, en cambio, nótase o peso da tradición da música experimental de Neu! e de Ultravox.