venres, 13 de xullo de 2012

Isi

Unha das bandas pioneiras da electrónica que máis contribuíron á consolidación desta corrente dentro da música contemporánea é Neu!. Formada en Alemaña por Klaus Dinger e Michael Rother a comezos dos 70, apenas tivo éxito no seu momento, pero hoxe o seu legado é clave para entender o son máis experimental que posteriormente desenvolveron outros artistas e grupos, dende David Bowie e Brian Eno ata Radiohead. Xunto cos seus paisanos Kraftwerk, Neu! reinventaron un novo concepto de son. "Isi", o tema que abría o terceiro álbum NEU! 75' (1975) é dos máis influentes da banda alemá.


O movemento New Romantic débelle moito á música de Neu! e de Kraftwerk e é evidente que Midge Ure e os demais compoñentes da banda británica Ultravox se empaparan do son dos xermanos para darlle pulo ó seu proxecto. "Vienna", do álbum do mesmo título de 1980, é unha herdeira natural de Neu!.


E a proba de que este é un son que nunca cairá no esquecemento atopámolo en Muse. Matt Bellamy imprimiulle un aire épico ó último disco publicado ata o momento polos británicos con sons grandilocuentes. The Resistance (2009) reivindica o rock sinfónico como unha tendencia aínda vixente que pode dar moito xogo nestes tempos con estilos moi eclécticos dentro da música, de aí que obtivera un gran recoñecemento.  En "Guiding Light", quinto corte dese disco, en cambio, nótase o peso da tradición da música experimental de Neu! e de Ultravox.

Ningún comentario:

Publicar un comentario