Amosando publicacións coa etiqueta Alejandra Guzmán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alejandra Guzmán. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de outubro de 2015

Old Before I Die

Tras abandonar Take That precipitadamente Robbie Williams apurouse en preparar o seu primeiro álbum en solitario Life thru a Lens (1997). Aínda os restantes membros da boyband coma as numerosas fans non acabaran de asimilar de todo a súa marcha, Williams estreaba o seu primeiro single, unha versión do tema de George Michael "Freedom", que servía de aperitivo, pero cando por fin se publicou o álbum case un ano despois, a crítica non atopou nada relevante nas doce cancións que o formaban. Simplemente eran doce cancións pop sen a máis mínima transcendencia no universo  do britpop que dominaba a escena inglesa. O paso do tempo indultou a "Angels", que quedou como unha das mellores cancións da discografía de Williams, pero pouco máis. O primeiro single foi "Old Before I Die".


Alejandra Guzmán fixo unha versión de "Old Before I Die" adaptada ó castelán co título "Quiero vivir", no álbum Soy (2002). A produción do álbum correu a cargo de Desmond Child, un dos autores de "Old Before I Die".

xoves, 14 de maio de 2015

Good Golly, Miss Molly

Ninguén dubida de que unha das figuras do rock and roll máis carismáticas é Little Richard. Este músico é autor dalgunhas composicións memorables que contribuíron a facer do rock un dos xéneros musicais máis importantes do pasado século. Unha delas é "Good Golly, Miss Molly", que gravou en 1956, pero que non saíu publicada ata dous anos despois e que logo se incluiría no álbum epónimo do artista dese mesmo ano. Para entón, Little Richard era xa unha estrela consagrada, que asinara xa cancións coma "Tutti Frutti" e "Lucille", e a nova canción sumábase así a unha colección de clásicos que non deixaría de versionarse nos anos posteriores.


Unha das versións de "Good Golly, Miss Molly" é a doutro grande do rock and roll, que rivalizaba con Little Richard no manexo do piano, Jerry Lee Lewis. Editouna como single en 1962.


Tamén e moi destacable a versión de Creedence Clearwater Revival no álbum Bayou Country (1969) onde a banda dos irmáns Fogerty modificaron lixeiramente a letra nun dos versos.


Pero a transcendencia da música de Little Richard vai moito máis aló do público anglosaxón, e o músico mexicano Enrique Guzmán fixo unha versión adaptada ó castelán, co título "La plaga". Foi unha das primeiras versións que se fixeron de "Good Golly, Miss Molly", pois a súa publicación data de 1959.


Case trinta anos despois, a filla de Enrique, Alejandra Guzmán, incluía unha versión da do pai no seu debut Bye Mamá (1988).

mércores, 5 de novembro de 2014

Right to Be Wrong

Joss Stone comezou no mundo da música debutando cun álbum de versións de temas soul titulado The Soul Sessions (2003) no que, ante todo, se presentaba disposta a reivindicar un xénero que nos albores da década dos 2000 estaba relegado. É a mesma fórmula coa que antes outros artistas iniciaban a súa andaina, un primeiro álbum con cancións versionadas para tomarlle pulso ó panorama musical e calibrar as posibilidades de éxito. Posto que con The Soul Sessions foille ben, ó ano seguinte aparecía Mind, Body and Soul (2004) onde Joss Stone estreaba as súas propias cancións e demostraba tamén que podía ser unha compositora prolífica, pois dos quince temas que compoñen o disco, participou na elaboración de todos agás de un. A cifra de vendas de Mind, Body and Soul foi aínda maior có de The Soul Sessions, polo que o público aplaudía a aparición dunha nova voz que renovaba o soul. Grazas a cancións coma "You Had Me" e "Right to Be Wrong", que hoxe vos presentamos, Joss Stone revelouse coma unha das cantantes inglesas, xunto con Amy Winehouse, que devolvían o soul a un lugar privilexiado na música do novo século.


Malia que non son moi frecuentes as versións das cancións de Joss Stone, pode presumir da que Alejandra Guzmán fixo de "Right to Be Wrong". A rockeira mexicana, filla de Enrique Guzmán, que seguiu perfeccionando o rock latino igual que o pai, pero nunha vertente feminina, sorprendía en Lipstick (2004) cunha versión en castelán que reproducía fielmente a letra orixinal. Co título "Tengo derecho a estar mal", chegou a coñecerse varios meses antes que a orixinal de Joss Stone, xa que o álbum de Alejandra Guzmán publicouse en marzo, mentres que o de Joss Stone non saíu ata o mes de setembro.