Amosando publicacións coa etiqueta OneRepublic. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta OneRepublic. Amosar todas as publicacións

xoves, 3 de setembro de 2015

Apologize

En 2005 Ryan Tedder cumpría o soño de ver cómo por fin o primeiro single do seu grupo OneRepublic saía ó mercado estadounidense mentres aínda preparaba o álbum completo. Deste xeito, podíase comprobar as sensacións que causaba "Apologize" e de paso, segundo estas, introducir melloras nas restantes cancións que acabarían conformando Dreaming Out Loud, que non se editaría ata novembro de 2007. O certo é que OneRepublic debutaba pisando forte e con todas as cartas na mesa, dado o magnífico nivel de "Apologize", que xa preconizaba que o grupo ía ser unha das revelacións da década, así como o talento de Tedder como compositor e produtor, quen non tardaría en estar solicitado por outros artistas, algúns da talla de U2, para traballar con eles. Con todo, aínda tiveron que pasar un par de anos e que Timbaland se cruzase no camiño de OneRepublic para que "Apologize" tivese a repercusión mundial que levou a esta banda de Colorado á cima do pop rock.


Ó tempo que OneRepublic preparaba o seu debut discográfico, o produtor Timbaland tamén traballaba no seu segundo disco, Shock Value (2007), onde contaba con numerosos convidados. Facendo as remesturas convenientes e contando coa banda e o labor de Tedder á produción xunto con Greg Wells, a nova "Apologize" de Timbaland acadou un impresionante éxito internacional que centrou a atención no primeiro álbum de OneRepublic, que se pechaba precisamente coa versión remix de "Apologize", que tanto éxito estaba logrando e que melloraba, se cabe, a versión orixinal.


No álbum de versións The Q-Music Sessions (2013), Within Temptation tamén se atreveron a facer a súa interpretación de "Apologize".

mércores, 24 de decembro de 2014

Walking on the Milky Way

O último gran álbum que OMD publicou antes dun longo parón de máis de dez anos foi Universal (1996). A banda inglesa seguía demostrando a mediados dos noventa que seguía tan fresca e cun son aínda actual, o suficiente para que fose un dos discos daquel ano. Sempre fieis a si mesmos, para a ocasión os rapaces de Orchestral Manoeuvres in the Dark mesmo contaron coa colaboración nalgunha canción de Karl Bartos, un dos insignes compoñentes de Kraftwerk, que participou na elaboración de "The Moon and the Sun". Pero o single de presentación do álbum foi o corte 2, "Walking on the Milky Way", que casaba á perfección coas cálidas noites de agosto, o mes en que se editou. Está escrita a tres bandas; por Andy McCluskey, que levou o peso compositivo e de produción de case todo o álbum, e Nigel Ipinson e Keith Small.


Certa influencia, moi velada, de "Walking on the Milky Way", ou tamén pode deberse a unha simple casualidade, está presente na canción de OneRepublic "All the Rights Moves", single de adianto do segundo álbum da banda de Ryan Tedder Waking Up (2009), tralo exitoso debut con Dreaming Out Loud (2007).

venres, 4 de outubro de 2013

Feel Again

OneRepublic saltou á fama mundial da man do produtor Timbaland que en 2008 era un especie de rei Midas, xa que a meirande dos artistas que traballaban con el acadaban os primeiros postos das listas de vendas sen dificultades. Así "Apologize", que era a canción estrela da ópera prima destes mozos de Colorado, colocou a OneRepublic como unha das promesas da música contemporánea con máis expectativas de futuro. Non obstante, desde aquela, a carreira de OneRepublic volveuse un tanto irregular e non volveron a acada-las cotas coas que chegaron con Dreaming Out Loud (2007). Este mesmo ano, lanzaron o seu terceiro disco Native, cuxo primeiro single foi "Feel Again".


Sen dúbida, o primeiro que chama a atención é a influencia de Florence + The Machine nesta canción. Vese de maneira evidente que o tema de OneRepublic ten moitas semellanzas con "Dog Days Are Over", do álbum de debut da banda de Florence Welch Lungs (2009). E é que a irrupción de Florence + The Machine na escena musical dos últimos anos non deixou indiferente a ninguén.

http://youtu.be/ny4deVFsYuo

Pero na canción de OneRepublic aínda hai outra influencias, malia que non tan claras coma a de Florence + The Machine. Moitos críticos apuntan directamente a The Killers e sinalan que a canción "All These Things I've Done", do álbum de debut Hot Fuss (2004) como unha peza clave na construción do son de "Feel Again".

http://youtu.be/sZTpLvsYYHw