Amosando publicacións coa etiqueta REM. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta REM. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de xuño de 2015

Radio (2)

Hai anos dedicamos unha  entrada monográfica ó mundo da radio, cunhas poucas cancións que levaban no título a verba "radio", ou simplemente falaban dese importante medio de comunicación, fundamental para a difusión da música contemporánea. Cremos que vai sendo hora de retomar unha segunda parte debido ás outras boas cancións que daquela quedaran fóra e xa anunciamos que proximamente haberá unha terceira entrega. Por outra banda, non imos contar con excelentes cancións coma "Radio Nowhere" de Bruce Springsteen, que xa pasaron polo blog. Así que, sen máis, comezamos con "Mr. Radio", da Electric Light Orchestra, pertencente ó álbum epónimo que supuxo o debut da banda de Jeff Lynne en 1971.


Outro tema mítico que non pode faltar sobre un monográfico sobre a radio é a marabillosa "Do You Remember Rock 'n' Roll Radio?" de The Ramones, unha canción que mostra o apoxeo da banda no álbum producido por Phil Spector End of the Century (1980).


O guitarrista de Eagles, Joe Walsh, incluíu no seu álbum en solitario, Got Any Gum? (1987) un tema chamado "The Radio Song".


R.E.M  é unha das bandas que máis se acordaron da radio, pois teñen dúas cancións sobre ela. A última no álbum Out of Time (1991) chamada "Radio Song".

https://youtu.be/Q1LAtaxgfDk

A primeira é a canción coa que a banda de Michael Stipe comezaba a súa brillante andaina, "Radio Free Europe", single de presentación da ópera prima de R.E.M Murmur (1981).

https://youtu.be/XXUkddrnsXQ

Como tampouco hai que esquecer a canción de Hurt, "On the Radio", pertencente ó álbum Vol. II (2007).

 https://youtu.be/0ZbEuXBZE2s

luns, 1 de decembro de 2014

Orange Crush

O fenómeno en que se converteu R.E.M a partir de Out of Time (1991) , pero sobre todo desde o single "Losing My Religion", comezou a orquestrarse uns anos antes cos anteriores traballos dos de Atlanta. A verdade é que cando o éxito masivo desbordou a esta banda de rock alternativo, os seus membros xa ensamblaran unha carreira curtida con seis discos previos que cada vez indicaban mellor o que habería de chegar con Out of Time e con Automatic for the People (1992). Ás portas dese álbum que tanto lle cambiou o conto para Michael Stipe, Peter Buck, Mick Mills e Bill Berry, R.E.M editara Green (1988), un dos favoritos de tódolos fans, que xa anticipaba a evolución da banda. Cancións coma "Orange Crush" amosan que R.E.M era xa unha gran banda antes de que todo o mundo caese rendido ante "Losing My Religion".


Editors clava a versión de "Orange Crush" que gravaron na cara B do single "Blood", un dos temas de The Black Room (2005). Incluso a voz de Tom Smith parece un remedo da de Michael Stipe e é que "Orange Crush" acáelle moi ben ó estilo de Editors.

xoves, 4 de setembro de 2014

In the Sun

Á parte de fundar Genesis e de ser un dos artistas máis prestixiosos das últimas décadas, Peter Gabriel tamén se caraceriza por descubrir novos talentos ó longo e ancho do planeta. Lembremos que co seu apoio  a música de Youssou N'Dour chegou a todas partes, no que supuxo o descubrimento máis celebrado ó que nos acostumou este veterano artista. Pero na carteira de artistas nos que se fixou o ex líder de Genesis tamén está Joseph Arthur, un cantautor de Ohio, que debutou en 1997 na discográfica que montou Peter Gabriel con Big City Secrets e no que ademais de Gabriel, tamén participou Brian Eno. Non obstante, nese álbum Joseph Arthur non incluíu unha canción que daquela adoitaba tocar nos concertos, pero que no seguinte álbum, Come to Where I'm From (2000), xa aparecía como un dos temas estrelas. Trátase de "In the Sun", segundo single extraído, e sen dúbida, unha das cancións favoritas do seu valedor.


Quizais poida resultar estraño a ausencia de "In the Sun" no debut de Joseph Arthur, porque o certo é que nese ano de 1997 Arthur cedeulla a Peter Gabriel para que a gravase no disco de homenaxe a Lady Di Diana, Princess of Wales: Tribute. Posiblemente ó escoitar á versión de Peter Gabriel, Joseph Arthur decidiu incluír a súa propia versión no seguinte álbum.


Michael Stipe tamén escolleu "In the Sun" para incluíla nun EP que publicou á marxe de REM en 2006 e no que colaboraban outros artistas amigos de Stipe. A versión de "In the Sun" conta coa participación de Chris Martin.


E cunha liña melódica máis en consonancia coas dúas primeiras versións que se gravaron de "In the Sun", a canción de Starsailor "Tell Me It's Not Over" anunciaba o lanzamento do cuarto disco da banda inglesa, All the Plans (2009).

venres, 28 de febreiro de 2014

Hey Hey, My My

Non son moi numerosas as cancións que logran impactar de distintas formas en xeracións diferentes. "Hey Hey, My My" é unha das que pode presumir de acadar unha forma de éxito semellante, e iso que a discografía de Neil Young está chea de cancións das que non é doado pasar por alto. "Hey Hey, My My" aparece no álbum Rust Never Sleeps (1979) dúas veces; a primeira versión, coa que se abre o disco, é acústica, mentres que a versión que pecha Rust Never Sleeps é totalmente eléctrica, cun son potente das guitarras. Para diferencialas, a primeira leva o subtítulo de "Out of the Blue" e a segunda coñécese como "Into the Black" e ámbalas dúas resumen a esencia dun álbum metade acústico, metade eléctrico. Hai que ter en conta que a a elaboración de Rust Never Sleeps supuxo para Neil Young todo un reto, xa que a nova xeración de músicos empezaba a considerar ó rockeiro canadense unha reliquia e con cancións como "Hey Hey, My My", Neil Young rebatou de forma contundente semellante ocorrencia. De feito, "Hey Hey, My My" ten o mérito de influír tanto en grupos do britpop coma nas principais bandas de grunge, como ben recoñeceu Kurt Cobain citándoa na súa nota de suicidio.

http://youtu.be/t4Y1wDdMYH4

E tras escoitar a versión acústica, agora é a quenda de "Hey Hey, My My (Into the Black)".

http://youtu.be/GQhEvfeJocM

Hai unha canción onde o rastro de "Hey Hey, My My (Out of the Blue)", é dicir, a versión acústica, percíbese dende os primeiros acordes. Trátase de "The One I Love", unha das cancións estrela do álbum Document que R.E.M. publicou en 1987, e tal como recoñeceu  Peter Buck, está inspirada na de Neil Young.

http://youtu.be/j7oQEPfe-O8

martes, 12 de novembro de 2013

Suzanne

Unha das figuras relevantes tanto da música coma da literatura nas últimas décadas é sen dúbida, Leonard Cohen. A súa obra poética, chea de musicalidade, e a efeverscencia que vivía o folk nos anos 60 levaron os poemas de Cohen ós estudios de gravación, ás veces, mesmo no mesmo ano en que se publicaban. Ese foi o caso de "Suzanne", que cativou a Judy Collins de tal xeito que non tardou en gravalo para o álbum In My Life, o sexto que publicaba tras comezar a súa andaina a finais dos anos 50. Nese disco, a canción de Cohen está acompañada doutras asinadas por artistas da talla de Bob Dylan, os Beatles e Bertold Brecht, entre outros grandes.

O resultado satisfixo tanto a Leonard Cohen, que un ano despois aventurábase na música cun álbum propio titulado Songs of Leonard Cohen (1967), que se abre precisamente con "Suzanne". Era o comezo dunha carreira, que aínda hoxe levanta admiración.

http://youtu.be/otJY2HvW3Bw

A influencia de "Suzanne" é notable na canción de R.E.M "Hope", do álbum Up (1998), tanto que mesmo a banda de Michael Stipe incluíu a Leonard Cohen nos créditos da canción.



mércores, 12 de setembro de 2012

Mbube

Unha das melodías procedentes de África que se fixeron coñecidas mundialmente durante o pasado século XX é a de "Mbube", gravada por primeira vez en 1939 polo seu autor Solomon Linda e a banda The Evening Birds. A canción está interpretada en zulú, unha das linguas oficiais de Sudáfrica e o título significa neste idioma "león". O éxito non tardou en chegar grazas ós inmigrantes que se instalaron en Gran Bretaña, que a auparon ó alto das listas de vendas nos primeiros anos da década de 1940.


A popularidade foi inmediata e en dez anos comezaron a aparecer as versións. Unha das máis temperás é a de The Weavers en 1952. Na banda na que militaba Pete Seeger bautizou a súa gravación co título de "Wimoweh" e aparecería no álbum en directoThe Weavers at Carnegie Hall, o segundo disco, que viu a luz en 1957.


Aínda habería unha nova versión cun título diferente dos anteriores que habería triunfar por riba dos outros da canción de Solomon Linda, malia que nos anos 60 os artistas que se animaban a versionala decantábanse ora por "Mbube", ora por "Wimoweh". A innovación débese a banda de doo-wap The Tokens que a titularon "The Lion Sleeps Tonight", gravada en 1961 e aparecería no debut destes neoiorquinos We, The Tokens, Sing Folk (1962).


Con este título gravárona unha morea de artistas. Destaca particularmente a de REM en 1993, cara B do single "The Sidewinder Sleeps Tonite", un dos temas máis rechamantes do fantástico Automatic for the People.


Resultaba evidente a preferencia de Michael Stipe por esta melodía, tanto que non fai falla fixarse moito no título do single para ver ata que punto a influencia de "Mbube" embriagou ós músicos de Atlanta. Así que tamén vos deixamos á ligazón de "The Sidewinder Sleeps Tonite".  

martes, 7 de agosto de 2012

Losing My Religion

"Losing My Religion", o primeiro single do sétimo álbum de REM Out of Time (1991) marcou un punto de inflexión na banda de Michael Stipe que ata ese momento apenas se apartou dos circuitos indies de Estados Unidos, malia contar tamén cun público fiel en Europa e en Australia. A súa popularidade acadou unhas cotas tan altas que de súpeto, a banda de Atlanta foi recoñecida mundialmente e moita xente comezou a descubrilos dende entón. Non é para menos, dende a década dos 70 non se vía nas listas de vendas unha canción na que aparecese unha mandolina. Peter Buck cambiaba a guitarra por ese instrumento, dándolle unha maxia única a "Losing My Religion", expresión sureña que significa perde-la paciencia.


Co éxito que colleitaron e xa na primeira liña da escena musical, comezaron a sucederse as versións e tamén unha certa influencia desta canción noutros grupos. Quizais a máis evidente é a de Death Cab for Cutie, a banda de Ben Gibbard que toma o nome dunha canción dos 60, que no álbum Plans (2005) incluía "Souls Meets Body".

http://www.goear.com/listen/eb906d1/soul-meets-body-death-cab-for-cutie

xoves, 24 de maio de 2012

New York, New York

A canción de Jay Z "Empire State of Mind" que viamos na entrada anterior está dedicada a Nova York, posiblemente a cidade máis cosmopolita do mundo, pero nin moito menos é a única canción que se escribiu sobre a cidade dos rañaceos, xa que esta inspirou dende moi cedo a músicos e compositores; así que imos  repasar algunhas destas cancións que homenaxean a Nova York.

A primeira delas é o todo un himno por excelencia e tamén a banda sonora cando se fala desa fantástica cidade. Un clásico con maiúsculas a cargo de Frank Sinatra. "New York, New York" aparecía na película do mesmo nome de Martin Scorsesse de 1977 cantada por Liza Minelli, pero gañou fama coa versión de Sinatra de 1980 Trilogy: Past Present Future.

 http://www.goear.com/listen/f749705/new-york-new-york-frank-sinatra

A seguinte que vos presentamos é a de Ryan Adams. O compositor canadense tamén titulou así a un tema que aparecía no seu segundo traballo Gold (2001).

 http://www.goear.com/listen/9fba2d9/new-york-new-york-ryan-adams

Como non podía ser menos, o neoiorquino Moby tamén lle rendía tributo á súa cidade no disco recompilatorio Go. The Very Best of Moby (2006) acompañado doutra célebre veciña de Nova York, Debbie Harry.

 http://www.goear.com/listen/0498e30/new-york-new-york-moby

A británica Paloma Faith tamén facía o seu debut cunha homenaxe a Nova York con "New York" en Do You Want the Truth or Something Beautiful? (2009) cun sensacional coro gospel.

 http://www.goear.com/listen/bcfb4e5/new-york-paloma-faith

Outras canción, no entanto, ambientan as súas historias en Nova York dándolle total protagonismo á cidade. Por exemplo, o tema de Sting "Englishman in New York", un tema moi sampleado posteriormente e que está no seu segundo álbum en solitario ...Nothing Like the Sun (1987).

 http://www.goear.com/listen/c08baa7/englishman-in-new-york-sting

En España, Los Rebeldes gravaron "Un Español en Nueva York" no seu álbum Más Allá del Bien y del Mal (1988).

 http://www.goear.com/listen/855eb19/un-espaaol-en-nueva-york-los-rebeldes

Ese mesmo ano, Mecano publicaba Descanso Dominical onde unha das súas cancións máis aclamadas é "No Hay Marcha en Nueva York", unha hilarante historia asinada por José María Cano.

 http://www.goear.com/listen/c32bb59/no-hay-marcha-en-nueva-york-mecano

 Pet Shop Boys  tamén homenaxearon a esta cidade con "New York City Boy" do álbum de 1999 Nightlife.

 http://www.goear.com/listen/8976c60/new-york-city-boy-pet-shop-boys

E xa para rematar, deixámosvos co tema de REM "Leaving New York" do álbum Around the Sun (2004).

 http://www.goear.com/listen/d4b51b1/leaving-new-york-rem

mércores, 2 de maio de 2012

Hitch Hike

O estandarte da Tamla Motown Marvin Gaye acrecentaba a súa sona como cantante de R&B emblemático cada vez que sacaba un single. "Hitch Hike", de 1962 e que aparecería no disco That Stubborn Kinda Fellow dese ano é unha boa mostra, tanto que resulta ser unha das súas cancións máis influentes. 


A primeira canción que atopamos baseada no tema de Marvin Gaye é "You Can't Do That" de The Beatles incluída en A Hard Day's Night (1964) asinada por John Lennon.


En calquera caso, "Hitch Hike" tivo as súas propias versións. A máis destacada é a de The Rolling Stones en 1965 do álbum Out of Our Heads.


O riff de guitarra que emprega Keith Richards nesta versión serviu de inspiración para outra gran canción doutra gran banda. The Velvet Underground,  o grupo de Lou Reed, John Cale e Nico auspiciado por Andy Warhol, gravou "There She Goes Again" en1967 para o disco The Velvet Underground & Nico, pero non serían os últimos. Johnny Marr, guitarrista de The Smiths, admitiu que se baseou no riff dos Stones en "Hitch Hike" para a canción "There Is a Light That Never Goes Out", que xa tivemos de visita polo blog.


Por último, queremos deixarvos a versión do tema de The Velvet Underground que gravou REM en 1983 como cara B do single "Radio Free Europe" e que aparecería no compilatorio de 1987 Dead Letter Office.