venres, 28 de febreiro de 2014

Hey Hey, My My

Non son moi numerosas as cancións que logran impactar de distintas formas en xeracións diferentes. "Hey Hey, My My" é unha das que pode presumir de acadar unha forma de éxito semellante, e iso que a discografía de Neil Young está chea de cancións das que non é doado pasar por alto. "Hey Hey, My My" aparece no álbum Rust Never Sleeps (1979) dúas veces; a primeira versión, coa que se abre o disco, é acústica, mentres que a versión que pecha Rust Never Sleeps é totalmente eléctrica, cun son potente das guitarras. Para diferencialas, a primeira leva o subtítulo de "Out of the Blue" e a segunda coñécese como "Into the Black" e ámbalas dúas resumen a esencia dun álbum metade acústico, metade eléctrico. Hai que ter en conta que a a elaboración de Rust Never Sleeps supuxo para Neil Young todo un reto, xa que a nova xeración de músicos empezaba a considerar ó rockeiro canadense unha reliquia e con cancións como "Hey Hey, My My", Neil Young rebatou de forma contundente semellante ocorrencia. De feito, "Hey Hey, My My" ten o mérito de influír tanto en grupos do britpop coma nas principais bandas de grunge, como ben recoñeceu Kurt Cobain citándoa na súa nota de suicidio.

http://youtu.be/t4Y1wDdMYH4

E tras escoitar a versión acústica, agora é a quenda de "Hey Hey, My My (Into the Black)".

http://youtu.be/GQhEvfeJocM

Hai unha canción onde o rastro de "Hey Hey, My My (Out of the Blue)", é dicir, a versión acústica, percíbese dende os primeiros acordes. Trátase de "The One I Love", unha das cancións estrela do álbum Document que R.E.M. publicou en 1987, e tal como recoñeceu  Peter Buck, está inspirada na de Neil Young.

http://youtu.be/j7oQEPfe-O8

Ningún comentario:

Publicar un comentario