"How Long, How Long Blues" é unha composición que deu orixe a algunha das mellores cancións de blues que se gravaron no pasado século, e iso que á vez, está baseada noutro blues, "How Long Daddy", que desgraciadamente non conseguimos atopar. En realidade, "How Long Daddy" é a verdadeira orixe desa serie de cancións blues; coñeceuse sobre todo a partir de 1925 cando Papa Charlie Jackson, un dos grandes cantantes de blues nacidos en Nova Orleáns, e Ida Cox, tamén unha das grandes voces do momento, se uniron para inmortalizala nun vinilo. Malia non ser dos blues máis relevantes destas dúas voces, "How Long Daddy" non tardou en converterse en toda unha referencia entre os artistas, e a súa melodía decontado se mesturou con estruturas novas e vellos sons que crearon auténticas obras mestras. Foi así como en 1928 deu lugar a "How Long, How Long Blues", coas voces de Leroy Carr e Scrapper Blackwell.
http://youtu.be/3jxh7Yaaev4
En 1929 aparecía unha das cancións blues que, en combinación con "How Long, How Long Blues", ofrecería algunhas das composicións máis coñecidas. "Things 'Bout Coming My Way", do lexendario Tampa Red.
http://youtu.be/CZShGE1p8qw
Unha das principais cancións blues que se derivaron desta mestura é "Sitting on Top of the World", canción da banda de Walter Vinson The Mississippi Sheiks, que gravaron en 1930. Practicamente é igual cá de Tampa Red.
http://youtu.be/RqeW7-tmVU4
E de "Sitting on Top of the World" deriva unha das mellores cancións de Robert Johnson, "Come On in My Kitchen", gravada en 1937.
http://youtu.be/4up4VP8zjyc
E mirade por onde, o propio Tampa Red, ó ver a repercusión que acadaba o seu tema, compuxo un novo titulado "It Hurts Me Too", (1940) que se converteu en todo un clásico do blues.
http://youtu.be/34VJzHT9nuk
Case unha década despois, visto o éxito de "It Hurts Me Too", Tampa Red repetía xogada con "When Things Go Wrong with You" cun son inspirado en "It Hurts Me Too" en 1949.
http://youtu.be/_NnmctEsy3k
Ningún comentario:
Publicar un comentario