venres, 14 de febreiro de 2014

Turn the Beat Around

Para Vicki Sue Robinson non debeu ser doado ver como o maior éxito da súa carreira, "Turn the Beat Around", single estrela do seu álbum de debut Never Gonna Let You Go (1976), quedaba eclipsado pola versión que del fixo Laura Branigan en 1990, e catro anos despois pola de Gloria Estefan, ata o punto de que hoxe haxa moi poucas persoas que se acorden de que quen levou por primeira vez ó máis alto das listas de vendas esta canción disco foi Vicki Sue Robinson. Por se fose pouco, Vicki non volveu acadar a fama con ningún dos outros singles editados, como se o peso de "Turn the Beat Around" fose unha lousa demasiado pesada de levantar, condicionando dese xeito os traballos posteriores da artista, que viu languidecer a súa carreira na década seguinte. Só o éxito acadado pola versión de Gloria Estefan a animou a volver ós estudios de gravación para retomar a súa traxectoria, pero en ningún caso a sorte que tivera con "Turn the Beat Around" se volveu repetir.


Antes de que as versións de "Turn the Beat Around" se puxesen de moda nos anos 90, Soft Cell incorporaban os coros á canción "Memorabilia", que abría o EP Non-Stop Ecstatic Dancing (1982), un ano despois de que chegasen o cumio coa versión de "Tainted Love".


En 1990 chegaba a primeira versión da man de Laura Branigan no álbum homónimo desta especialista en versións de temas disco.


A de Gloria Estefan aparecía en Hold Me, Thrill Me, Kiss Me (1994), o disco de versións da cubana que tras triunfar en medio mundo co seu anterior traballo Mi Tierra (1993), volvía a cantar en inglés. Como se aprecia, as diferenzas coa orixinal e coa de Laura Branigan non son substanciais, malia que a de Gloria Estefan trata de desmarcarse das anteriores.


En 2007 "Turn the Beat Around" servía de base para o tema de Dannii Minogue "Perfection" incluído no álbum Club Disco.

http://youtu.be/iTFlYRH0KUE

Ningún comentario:

Publicar un comentario