Wally Badarou é unha figura fundamental no desenvolvemento da new wave a finais dos anos 70 e comezos dos 80. A súa carreira como músico e produtor, comezou póndose ás ordes de Chris Blackwell en Island Records e polo tanto o seu talento quedou ó servizo dalgúns dos artistas desa discográfica. Jimmy Cliff, Grace Jones e Joe Cocker foron algúns cos que colaborou, pero sería a súa colaboración nos traballos de Level 42 co que Baradou acadaría maior recoñecemento, ata o feito de ser considerado coma un membro non oficial da banda. A súa participación tamén estivo presente nos discos de Robert Palmer, á vez que traballaba con Herbie Hancock e Miriam Makeba, o que nos dá idea da versatilidade de Badarou para embarcarse en proxectos dispares. Con todo, tamén se sentiu tentado a gravar os seus propios discos e empezar unha carreira en solitario ben cedo, en 1979, onde predominan os temas instrumentais. En 1984 publicou Echoes, un disco que contén "Mambo", un dos temas máis coñecidos de Badarou.
Para moitos músicos Wally Badarou é un mestre cuxo traballo teñen moi en conta. De feito, no debut de Massive Attack Blue Lines (1991) homenaxean a Badarou co tema "Daydreaming", baseado en "Mambo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario