martes, 25 de febreiro de 2014

Foxy Lady

Tras cativar ó público nas numerosas actuacións nos clubes da cidade de Nova York, Jimi Hendrix entrou nun estudio de gravación coa súa banda, the Jimi Hendrix Experience, para inmortalizar o seu poderoso talento coa guitarra. Era o ano 1966 e na primavera do ano seguinte aparecía o debut discográfico Are You Experience (1967), unha colección de cancións revolucionarias polo seu son e que aventuraban unha andaina brillante para o músico de Seattle. Unha desas cancións que non pasaron desapercibidas foi "Foxy Lady", que ofrece un dos riffs de guitarra máis coñecidos e recoñecidos de Hendrix e que foi imitado nunhas cantas cancións posteriores por algúns dos admiradores máis declarados de Jimi Hendrix.


 O ano seguinte, sen ir máis lonxe, aparecían dúas cancións que reproducían ese riff característico. Unha delas corresponde ó músico neerlandés Boudewijn de Groot na canción "Tegenland" pertencente ó álbum Picknick (1968) e da que desgrazadamente non conseguimos atopar ningunha ligazón. A outra é "Mandrake Root", que aparece no debut discográfico de Deep Purple Shades of Deep Purple.


Os ourensáns Los Suaves réndenlle un sentido tributo ó guitarrista de Seattle con este sensacional "Hendrix" no álbum  Santa Compaña (1994). Por se quedase algunha dúbida sobre o personaxe á quen se dedica a canción, "Hendrix" constrúese sobre a base de "Foxy Lady", creando así unha especie de nova versión na que o autor orixinal está presente en cada nota.

Ningún comentario:

Publicar un comentario