Unha das melodías procedentes de África que se fixeron coñecidas mundialmente durante o pasado século XX é a de "Mbube", gravada por primeira vez en 1939 polo seu autor Solomon Linda e a banda The Evening Birds. A canción está interpretada en zulú, unha das linguas oficiais de Sudáfrica e o título significa neste idioma "león". O éxito non tardou en chegar grazas ós inmigrantes que se instalaron en Gran Bretaña, que a auparon ó alto das listas de vendas nos primeiros anos da década de 1940.
A popularidade foi inmediata e en dez anos comezaron a aparecer as versións. Unha das máis temperás é a de The Weavers en 1952. Na banda na que militaba Pete Seeger bautizou a súa gravación co título de "Wimoweh" e aparecería no álbum en directoThe Weavers at Carnegie Hall, o segundo disco, que viu a luz en 1957.
Aínda habería unha nova versión cun título diferente dos anteriores que habería triunfar por riba dos outros da canción de Solomon Linda, malia que nos anos 60 os artistas que se animaban a versionala decantábanse ora por "Mbube", ora por "Wimoweh". A innovación débese a banda de doo-wap The Tokens que a titularon "The Lion Sleeps Tonight", gravada en 1961 e aparecería no debut destes neoiorquinos We, The Tokens, Sing Folk (1962).
Con este título gravárona unha morea de artistas. Destaca particularmente a de REM en 1993, cara B do single "The Sidewinder Sleeps Tonite", un dos temas máis rechamantes do fantástico Automatic for the People.
Resultaba evidente a preferencia de Michael Stipe por esta melodía, tanto que non fai falla fixarse moito no título do single para ver ata que punto a influencia de "Mbube" embriagou ós músicos de Atlanta. Así que tamén vos deixamos á ligazón de "The Sidewinder Sleeps Tonite".
Ningún comentario:
Publicar un comentario