O carisma de Frankie Valli dentro de The Four Seasons pedía a berros un espazo propio, así que o seu salto como cantante en solitario era un paso natural. Pero mentres noutras bandas con este tipo de decisións xurdían conflitos e producíase algún que outro trauma, en The Four Seasons viuse como unha etapa máis dentro da banda, de tal xeito que o título do álbum en solitario con que Valli debutou foi The 4 Seasons Present Frankie Valli Solo (1967). Por se puidese quedar algunha dúbida do apoio que Frankie Valli recibiu dos seus compañeiros, a meirande parte das cancións están asinadas polos compositores habituais da banda, Bob Crewe e Bob Gaudio, polo que a idea de que no fondo non deixa de ser outro de The Four Seasons acentúase. A carreira en solitario de Frankie Valli non puido empezar con mellor pé; o single "Can't Take My Eyes Off You" tivo unha gran acollida e é unha das máis versionadas da historia do pop.
Resulta moi difícil escoller unhas poucas versións entre tantas boas que se fixeron deste tema de Crewe e Gaudio. Unha das que máis sorprende é a que gravaron Manic Street Preachers na cara B dun dos singles do álbum Everything Must Go (1996). A versión de "Can't Take My Eyes Off You" só se editou en Australia.
Nas últimas décadas, a versión que fixo Lauryn Hill no seu álbum en solitario The Miseducation of Lauryn Hill (1998) gozou dunha gran popularidade. É unha das máis recordadas e deulle unha nova volta á canción.
Tampouco Muse se resistiu ó encanto de "Can't Take My Eyes Off You". A banda de Matt Bellamy gravouna na cara B dun dos singles do compilatorio Hullabaloo Soundtrack (2001).
https://youtu.be/HIdIOXNzlRw
https://youtu.be/HIdIOXNzlRw
Ningún comentario:
Publicar un comentario