Durante a década dos setenta Kraftwerk desenvolveu o son techno conferíndolle unha nova dimensión, a dun xénero en alza, que malia non gozar dunha fervente popularidade como outros estilos asentados, cada vez ía gañando máis adeptos. Cando o grupo alemán publicou o seu oitavo álbum, Computerwelt (1981), sempre mantendo esa visión futurista onde predominan as máquinas e os robots, para a crítica especializada Kraftwerk era para o techno o mesmo que os Beatles o foran para o pop e o rock vinte anos antes. Computerwelt é un dos discos máis relevantes dentro da discografía de Kraftwerk, con algunhas das cancións máis coñecidas do grupo, como "Heimcomputer".
Como referencia indiscutible que supón Kraftwerk para calquera tipo de música electrónica, especialmente a máis experimental, resulta ata natural que os novos grupos máis vangardistas acudan as súas creacións de vez en cando, aínda que só sexa para mostrarlle agradecemento ós alemáns. LCD Soundsystem así o entendeu con "Disco Infiltrator", tema do álbum epónimo da banda publicado en 2005, que recrea partes de "Heimcomputer".
Ningún comentario:
Publicar un comentario