xoves, 30 de abril de 2015

Fire Brigade

As orixes da Electric Light Orchestra ciméntanse sobre unha banda anterior pola que pasaron algúns dos seus máis ilustres membros. Trátase de The Move, na actualidade case relegada ó esquecemento a pesar dos intentos dos últimos anos de volver a pola en funcionamento. En calquera caso, The Move deixou para o recordo unha canción que habería de inspirar algunha que outra hoxe considerada mítica na historia do rock. Esa canción en concreto é "Fire Brigade" que se atopa no álbum epónimo con que esta banda de Birmingham se deu a coñecer en 1968.


Un dos primeiros en fixarse no engado de "Fire Brigade" foi Paul Stanley, líder de Kiss, que tomou da canción de The Move algunhas ideas para o retrouso e algúns efectos sonoros que habería de reflectir en "Firehouse", unha das primeiras cancións de Kiss, pertencente ó álbum epónimo da banda de 1974 co que a a banda facía o seu debut.


Pero tamén se fixaron en "Fire Brigade" os Sex Pistols ó escribiren unha das cancións que xa forman parte da historia. O riff de "God Save the Queen", unha das cancións máis importantes do único álbum publicado pola banda, Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols (1977), está inspirado en "Fire Brigade", tal como Glen Matlock ten admitido algunha vez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario