Pioneiros na mestura do rock co hip hop, dous estilos en apariencia incompatibles, Beastie Boys acabaron por liderar unha nova corrente musical que decontado habería de atopar seareiros dispostos a imitar o xeito de facer música deste grupo de Nova York. O produtor Rick Rubin, co que traballaron nos seus comezos, deulle forma ó proxecto e xa co segundo álbum, Paul's Boutique (1989), amosaron que os Bestie Boys eran unha banda de longo recorrido. Na canción "What Comes Around" rendénlle tributo ás influencias rockeiras que os inspiraron e para iso, empregan os retrincos de cancións dalgunhas das bandas máis coñecidas, como son Led Zeppelin e Alice Cooper, mentres que na letra menciónase algunha canción de The Ramones.
De Led Zeppelin escolleron un tema instrumental titulado "Moby Dick" que está recollido no álbum Led Zeppelin II (1969).
Outra das cancións que podemos atopar agochadas en "What Comes Around" é a de The Three Sounds xunto con Gene Harris, "Put on Train", pertencente ó álbum Live at It Club (1970).
Finalmente, o tema de Alice Cooper "It's Hot Tonight", que abre o álbum Lace and Whiskey (1977), é o terceiro que compón "What Comes Around".
Ningún comentario:
Publicar un comentario