Bad Girls (1979) é un dos discos favoritos dos fans de Donna Summer. Contén algunhas das cancións máis destacables na carreira da cantante e o traballo de produción de Giorgio Moroder e de Pete Bellotte é impecable. Nel conflúen distintos estilos no que predomina son disco, pero tamén hai sitio para o soul, o funk e mesmo o rock, estilos que Donna Summer dominaba á perfección, malia que ultimamente a súa memoria está restrinxida case por completo ás pistas de baile, onde demostrou que era a raíña. Nese álbum Summer incluíu a canción "Dim All the Lights", que en principio lla escribira para Rod Stewart, aínda que logo decidiu gravala ela mesma, e hai que dicir que foi un acerto, pois foi un dos singles máis exitosos de Bad Girls.
Malia que non hai moitas versións de "Dim All the Lights", a máis coñecida corresponde á de Laura Branigan no seu compilatorio de grandes éxitos The Best of Branigan (1995). Foi unha das dúas cancións inéditas que Branigan incluíu nese álbum, aínda que en realidade tampouco achega nada novo, xa que a versión orixinal é case insuperable.
Como moitas cancións de Donna Summer, "Dim All the Lights" tamén foi obxecto de "parche" para outras cancións. Neste caso, na de Justice "B.E.A.T.", que é unha especie de revisión do seu gran éxito "D.A.N.C.E" e que aparecía na cara B deste single, canción estrela Cross (2007) co que os franceses debutaron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario