martes, 28 de abril de 2015

Jumpin' Jack Flash

O ritmo intrépido con que nos anos sesenta as bandas publicaban os seus traballos discográficos, ás veces máis dun disco por ano, facía que cada pouco tempo saíse ó mercado un compilatorio de grandes éxitos que recollían os últimos trallazos sementados e algunha canción inédita. Por iso non sorprende que no ano 1969 os Rolling Stones fosen xa polo seu segundo grandes éxitos oficial, Through the Past, Darkly (Big Hits Vol. 2) cando apenas levaban unha década revoluncionando o rock. Como adoitaba acontecer con cada álbum dos Stones, este contou con dúas edicións: unha británica e outra estadounidense onde non sempre coinciden as mesmas cancións e a orde das que si aparecen en senllas versións é distinta. Unha das inéditas que está nas dúas versións é  "Jumpin' Jack Flash", outro clásico da banda.


Como xa pasara con "Satisfaction" e Otis Redding, "Jumpin' Jack Flash" tamén foi interpretado por outra lenda do soul, neste caso por Aretha Franklin, quen realizou unha espectacular versión no álbum epónimo de 1986. O produtor da versión non foi outro que Keith Richards.


Unha canción cun riff moi semellante a de "Jumpin' Jack Flash" é a dos Kinks "Catch Me Now I'm Falling", pertencente a Low Budget (1979).

Ningún comentario:

Publicar un comentario