A historia da banda anxelina Ednaswap ten algo de mala sorte, pois pode dicirse que na súa ópera prima Ednaswap (1995) agochábase a esencia do éxito masivo, pero os seus membros nin sequera a chegaron a rozar, unicamente en forma de royalties. Iso lévanos a concluír que o azar é unha fada caprichosa que toca coa variña máxica a quen quere de forma aleatoria. Nese álbum de debut Ednaswap asinaba unha canción arquicoñecida para todos uns poucos anos despois, "Torn", pero no momento da súa publicación como single, pasou desapercibida para alomenos boa parte do mundo. Cando "Torn" se convertiu nun éxito mundial na versión de Natalie Imbruglia, Ednaswap estaba preparando o segundo disco cunha discográfica tan importante como Island, pola que acababa de fichar, e, aproveitando o tirón, volveu incluír "Turn" cunhas lixeiras variantes respecto á primeira versión, xunto con outros temas do primeiro disco no novo. Non serviu de nada, xa que iso non se viu reflectido no número de vendas.
A pesar de ser unha actriz consagrada en Australia, Natalie Imbruglia deu o salto á música co álbum Left of the Middle (1997). Nel Imbruglia mostraba que tamén era unha gran compositora, xa que participou na elaboración de tódalas cancións, agás en dúas. Unha delas era a única versión allea do álbum, "Torn", que ademais de ser o corte 1 do disco, tamén se escolleu como single de lanzamento. O éxito que acadou foi brutal e causoulle a Natalie Imbruglia unha depresión que retrasou varios anos a preparación do segundo disco.
Terro 3000 sen chegar a facer unha versión de "Turn", incluíu algunhas partes da de Natalie Imbruglia no seu tema "This Is How I Feel" (2008).
Ningún comentario:
Publicar un comentario