martes, 8 de setembro de 2015

Handy Man

The Sparks of the Rhythm foi un dos numerosos grupos vocais de R&B que buscaban un sitio a finais dos anos cincuenta. No entanto, tivo que conformarse con pouca cousa, pois en realidade, apenas chegaron a editar uns poucos singles que non chegaron a ter moita repercusión no seu momento, e iso unido a pronta disolución do grupo fixo que a súa traxectoria non destacase demasiado. A canción máis importante que chegaron a gravar foi "Handy Man", un tema no que o afamado compositor Otis Blackwell participou na súa elaboración, pero nin sequera dese xeito obtiveron o agardado éxito. Con todo, "Handy Man" acadou certa sona grazas sobre todo á versión de Jimmy Jones, o que logo imitarían outros artistas volvendo gravar "Handy Man".


Tan só un ano despois, Jimmy Jones, un dos autores de "Handy Man" e integrante de The Sparks of Rhythm, lanzaba a súa carreira en solitario cunha revisión da canción. Para empezar, a nova versión de "Handy Man"prescindía do son doo-wap para abrazar o ritmo do rock and roll, para o que Jones tivo que variar a melodía orixinal.


Nun dos maiores éxitos de Culture Club, "Karma Chameleon", segundo single de Colour by Numbers (1983), planeou a sombra dun posible plaxio de "Handy Man", concretamente no retrouso, onde ambas cancións parecen coincidir, aínda que de xeito moi lene como para lanzar unha acusación tan grave contra Boy George.


Ningún comentario:

Publicar un comentario