Na historia do pop xorden cada pouco tempo as chamadas boy bands, isto é, formacións musicais compostas por mozos guapos, que na maioría das veces non precisan nin saber cantar, xa que a súa principal función é vender unha imaxe máis ca facer música. Por iso é normal que cando os mozos medran, estas bandas desaparezan sen pena nin gloria, e só aqueles con certos dotes musicais (que saiban compoñer, tocar algún instrumento coma a guitarra ou o piano, e cantar) poden reorientar a súa carreira artística e aguantar uns anos máis. Así que resulta gratificante o regreso hai nove anos de Take That, unha das grandes boy bands dos noventa, non xa como un grupo de raparigos na procura de conseguir o maior número de fans, senón cun son máis maduro e solvente, apoiado sempre nas composicións de Gary Barlow e de Mark Owen, que xa na primeira época do grupo deran mostras de ser músicos de recursos, malia non lles ir tan ben nas súas respectivas carreiras en solitario. O resultado da volta foi o álbum Beautiful World (2006), con cancións coma "Shine", pero sen o díscolo Robbie Williams, con éxito dabondo de seu, quen non se sumou á reunión dos seus ex compañeiros.
Lily Allen baseou o retrouso do seu tema, "Who'd Have Known", de It's Not Me, It's You (2009), no "Shine" de Take That.
Ningún comentario:
Publicar un comentario