Brian Eno deu os seus primeiros pasos no mundo da música formando parte de Roxy Music, pero non obstante, as enormes inquedanzas musicais que o movían fixeron que apenas dous anos despois do despegue da banda, Eno a abandonase para traballar en varios proxectos en solitario case ó mesmo tempo que se asociaba con outros músicos para editar discos conxuntos e se encargaba de producir os álbums doutros tantos artistas e bandas. En 1984 o prolífico músico editou o álbum The Pearl (1984) en colaboración con Harold Budd, no que se adentraba unha vez máis na chamada música ambiental, destinada a buscar o rélax do oínte, unha música coa que Eno levaba traballando desde uns poucos anos atrás. Producido polo propio Eno e Daniel Lanois, con quen adoitaba coincidir en moitas producións, The Pearl contén a canción "Against the Sky".
Brian Eno e Daniel Lanois son os produtores habituais de U2 e volveron traballar xuntos no duodécimo álbum da banda irlandesa, No Line on the Horizon (2009). Unha das achegas de Eno a ese álbum é o arranxo que lle fixo á canción "Cedars of Lebanon", onde introduciu elementos de "Against the Sky", que se notan especialmente no comezo da canción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario