Os experimentos que as bandas de rock progresivo coma Pink Floyd e Electric Light Orchestra facían arredor dos anos setenta parecían moi afastados do que se levaba vinte anos despois. Pero cando a febre do britpop comezaba a esgotarse e os rebeldes grupos buscaban un son máis maduro, Damon Albarn atopou a inspiración nas vellas bandas británicas. Así que cando Blur publicou 13 (1999) sorprendía escoitar algunha canción de máis de cinco minutos de duración que evocaba aqueles tempos do rock progresivo. É o caso de "Caramel", unha fantástica mostra de rock experimental, máis achegada ó traballo de Radiohead, que non era frecuente achar no repertorio de Blur. O último minuto da canción está composto por dúas partes instrumentais; a primeira parte lembra moito o son de "Optigan 1", a canción que pecha o disco, polo que semella un anticipo desa canción. A segunda parte, xa máis rockeira, está máis en consonancia co que Blur adoitaba ofrecer.
A primeira parte instrumental de "Caramel" apenas dura uns poucos segundos, os suficientes para identificalos ó comezo de "Optigan 1", que parece unha simple extensión, xa que non deixa de ser un tema instrumental de dous minutos e medio.
Sempre se dixo que o espello de Kaiser Chiefs era Blur, que o estilo da banda de Leeds era case un calco do de Damon Albarn e compañía, pero posiblemente onde mellor se mostra esa influencia sexa no tema "Saturday Night", do álbum de debut Employment (2005). Para moitos, supostamente o son desta canción está inspirada na última parte de "Caramel".
Ningún comentario:
Publicar un comentario