venres, 12 de decembro de 2014

Sunny

Outro deses artistas que sempre serán recordados por unha soa canción é Bobby Hebb, que en 1966 sorprendeu a todos con "Sunny", tema que lle daba título ó álbum deste compositor de Nashville. Ás ordes do produtor Jerry Ross, que tamén sería o encargado doutros trallazos coma "Venus", de Shocking Blue, Bobby Hebb saboreou o mel do éxito inmediato, algo que, por ironías da vida, pode parecer paradoxal tendo en conta as circunstancias en que Hebb compuxo "Sunny", dous días despois do falecemento do seu irmán maior e do asasinato de Kennedy, acontecementos que o afectaron moito. Pero a calidez de "Sunny" impúxose á tristura e pronto se espallaron as versións desta canción soul nos máis variados estilos.


Algúns exemplos de "Sunny" nunha clave distinta do soul tamén gozaron de sona nada máis aparecer, tan só meses despois da publicación da orixinal. É o caso de Cher, no álbum epónimo desta cantante de 1966, que interpreta "Sunny" con estilo funk.


Tamén moi boa é a de Public Enemies, pero esta máis achegada ó rhythm & blues, tamén de 1966.


Pero a máis famosa foi a de Boney M dez anos despois da aparición da orixinal no álbum Take the Heart off Me (1976), seguindo a versión disco que o propio Bobby Hebb fixera un ano antes. A de Boney M acadou tanta popularidade que moita xente aínda cre que é un tema orixinal deles.


Hai tantas versións tan boas de "Sunny" que é difícil escoller a mellor, á parte da orixinal, como non. Incluso os que a teñen interpretado nalgún concerto tenlles quedado ben. É coma esta de Jamiroquai.

Ningún comentario:

Publicar un comentario