Sabino Méndez e José María Sanz, máis coñecido como Loquillo, crearon un tándem que daría vida a unha das bandas de rock máis importantes de España desde os anos oitenta, Loquillo y los Trogloditas. A banda xurdiu tralos intentos anteriores dos dous de crear un grupo consolidado, logo de formar primeiro Teddy Loquillo y sus Amigos, no que tamén estaba Carlos Segarra, líder anos despois de Los Rebeldes, e Loquillo y los Intocables. Pero á terceira foi a vencida e o novo grupo empezou pronto a gañar popularidade, especialmente grazas á personalidade e carisma de Loquillo e as composicións de Sabino, letras que xa forman parte da historia musical española. Un dos primeiros singles que a banda editou foi "Rock and Roll Star" (1981), que trata sobre a vida típica que lle toca a unha estrela do rock.
No EP Mamá quiero ser una estrella del rock 'n' roll (2009) Pereza recollía unha versión do tema de Loquillo y los Trogloditas, malia que "Rock and Roll Star" non é das máis versionadas. Como moitos sinalan, a versión de Pereza non lle fai xustiza á orixinal, pero agradécese que os madrileños a recuperasen. Ademais, por unha vez, quen a interpreta é Rubén e non Leiva, que era a voz habitual de Pereza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario