Indiscutibles paladíns do trip-hop, Massive Attack era xa unha banda máis que consagrada cando apareceu no mercado o terceiro álbum, Protection (1994). Unha das cancións máis emblemáticas dese disco é, sen dúbida, "Karmacoma", onde o rap se entremestura co chill out e co reggae nunha harmoniosa composición. Para a súa interpretación, Massive Attack contou con Tricky, daquela un cantante pouco coñecido que en apenas un ano ía presentarse en sociedade con Maxinquaye (1995), un dos mellores discos daquel ano. "Karmacoma", como moitas outras cancións de Massive Attack, amosa unha amálgama de elementos doutros temas que lle dan forma definitiva.
No retrouso, Massive Attack emprega a famosa melodía de "Prince Igor", a ópera de Alexander Borodin, que logo outros moitos artistas de hip hop se animarían a utilizar tamén.
Outra canción que está na base de "Karmacoma" é a de Serge Gainsbourg, "Melody", pertencente a Histoire de Melody Nelson (1971).
Por último, para a composición de "Karmacoma", Massive Attack botou man do tema "The Dream Time in Lake Jackson" de The KLF, do álbum Chill Out (1990).
O caso é que a Tricky gustoulle especialmente "Karmacoma" e decidiu incorporar a súa propia versión en Maxinquaye (1995), o álbum co que debutou en solitario. A versión de Tricky leva o título de "Overcome".
En 1995 tamén se publicou o álbum The Help Album, un recompilatorio de varios artistas para axudar ós nenos e ás nenas bosnios que sufriron a guerra dos Balcáns. Massive Attack contribuíu cunha nova versión de "Karmacoma", prescindindo nesta ocasión de Tricky.
Ningún comentario:
Publicar un comentario