A finais dos setenta o heavy metal xa acadara un grao de madurez considerable e cada vez era máis habitual que as bandas de mozos se inclinasen por este xénero onde as guitarras tomaban todo o protagonismo e as postas en escena durante os concertos eran espectaculares. Así entre a fornada de novas bandas que seguían os pasos de Black Sabbath e Led Zeppelin, entre outros, xurdiu Van Halen, que toma o nome dos dous irmáns, Eddie e Alex, que a puxeron en marcha. Xunto con Michael Anthony, encargado do baixo, e David Lee Roth como vocalista, Van Halen comezaba a súa andaina cun álbum epónimo en 1978, no que destaca unha excelente versión de "You Really Got Me", a canción de The Kinks. Pero nese primeiro disco tamén están algúns dos temas polos que Van Halen pasarían a ser unha das grandes bandas, como "Ain't Talkin' 'bout Love".
Nin que dicir ten que "Ain't Talkin' 'bout Love" é das cancións máis versionadas de Van Halen e tampouco foi allea o interese doutros grupos para sampleala. Neste caso non hai que esquecerse do tema de Apollo 4.40 "Ain't Talkin' 'bout Dub", pertencente a Electro Glide in Blue (1997).
Ningún comentario:
Publicar un comentario