martes, 28 de outubro de 2014

Missing You

Outro dos artistas dun só éxito é John Waite, un cantante procedente de Lancaster que a comezos dos oitenta emprendeu unha carreira en solitario despois de probar sorte con algunhas bandas. Waite, que aínda segue editando discos, ó último hai tres anos, só conseguiu romper as listas cun trallazo que, por outra parte, ten un título dende logo nada orixinal, "Missing You", xa que hai centos de cancións, anteriores e posteriores, que se chaman así. No entanto, é posible que a meirande parte da xente ó falarlle de "Missing You" pense primeiro na canción de John Waite, que se converteu nun dos clásicos da década dos 80. Como adoita acontecer con aqueles que só conseguen unha gran canción na súa andaina, esta chegou demasiado cedo. "Missing You" pertence ó segundo disco de John Waite, No Brakes (1984).


Das versións máis temperás que se fixeron de "Missing You", destaca a que fixeron La Trampa no álbum Volver a casa (1990), onde a trasladaron ó castelán con moi boa fortuna, pois foi un dos singles do disco e hoxe considérase unha das grandes cancións da banda de Pablo Perea.


Tamén tivo moito éxito a versión de Tina Turner, talvez a máis coñecida trala orixinal, que aparece no  seu noveno disco en solitario, Wildest Dreams (1996).

Ningún comentario:

Publicar un comentario