venres, 17 de xuño de 2011

Soul Makossa

Se hai algo de bo no feito de que a música se recicle mediante samples e plaxios é que serve para rescatar do esquecemento a artistas e grupos dos que ninguén se lembra. Agora ben, as omisións que ás veces se producen destes artistas cando escoitamos as súas composicións renovadas non deixan de ser unha inxustiza cos autores orixinais. Algo así é o que lle aconteceu a Manu Dibango, un saxofonista camerunés, que en 1972 logrou un éxito insólito co seu debut "Soul Makossa", que aparecera como cara B do single "Mouvement Ewondo", himno da selección camerunesa de fútbol para a Copa de África dese ano. Non nos diredes que non vos resulta familiar:


Efectivamente, quizais a canción maís famosa que incluíu o popular retrouso de "Soul Makossa" e que serviu para perpetuala no tempo, é a de Michael Jackson "Wanna Be Startin' Somethin'", do fantástico Thriller, de 1982.

 http://www.goear.com/listen/2eb4150/wanna-be-startin-somethin-michael-jackson

 Pero os que máis se aproveitaron da canción de Manu Dibango foron os artistas de hip-hop: Fugees, Will Smith, Jay Z, Eminem e mesmo recentemente Kayne West, no seu último disco My Beautiful Dark Twisted Fantasy, do ano pasado, introduce o famoso retrouso ó final da canción "Lost In The World". Tamén o rapeiro de Torrejón de Ardoz, El Chojin, no álbum de 2005 8jin, recuperaba a "Soul Makossa" no tema "Algo más que música", coa colaboración de Donpa.

 http://www.goear.com/listen/072d2e3/algo-mas-que-musica-chojin-and-donpa

"Soul Makossa" non é unha canción relegada só o mundo do hip-hop. A banda norteamericana de rock alternativo Bloodhound Gang tamén empregou o tema de Manu Dibango en "Mama Says", do álbum Use Your Fingers (1995).

 http://www.goear.com/listen/4d310f2/mama-say-the-bloodhound-gang

No entanto, neste novo século, se "Soul Makossa" segue de moda, é grazas sen dúbida á canción de Rihanna "Please, Don't Stop The Music", do álbum Good Girl Gone Bad (2007).

 http://www.goear.com/listen/6037b18/dont-stop-the-music-rihanna

Este tema tan popular, tivo unha versión impresionante a cargo de Jamie Cullum no álbum de 2009 The Pursuit, xa sen recorrer a "Soul Makossa".

 http://www.goear.com/listen/940c785/dont-stop-the-music-jamie-cullum-


Ningún comentario:

Publicar un comentario