venres, 3 de xaneiro de 2014

Don't Go

Tras deixar Depeche Mode e antes de formar Erasure, Vince Clarke tivo un fulgurante éxito con Yazoo, o proxecto musical de electropop que levou a cabo xunto con Alison Moyet. O primeiro single, o coñecido medio tempo "Only You", logrou unha fama instantánea que non habería abandonar a Yazoo na súa corta traxectoria. Mais o disco de debut, Upstairs at Eric's (1982), ten tamén outra canción que fixo perpetuar o son que a efímera andaina do duo non conseguiu borrar. Trátase de "Don't Go", o single que se editou despois de "Only You" e que contiña a importante misión de manterse á altura do predecesor, cousa que acadou sen moito esforzo.

http://youtu.be/VML1u8KJjEo

Yazoo deixou unha pegada imborrable no electropop e o son de "Don't Go" pode atoparse en toda unha serie de temas trance e house que pouco achegan á música en xeral. "Don't Go" tamén conta con versións coma a de Atrocity, cun estilo tan antagónico ó electropop como é o heavy. Aparece no álbum da banda xermana Werk 80 (1997).

http://youtu.be/JcXZu4rg5RA

Falabamos antes das cancións de trance que se apropiaron do son de "Don't Go", pero tamén hai que indicar a influencia que exerceu Yazoo con esta canción nos éxitos doutros grupos dance, pero dun xeito moito máis sutil e non tan acusado como é o caso dos belgas Paradisio, que acadaron a fama con "Bailando" en 1996, e onde o parecido con "Don't Go" apenas se percibe.

http://youtu.be/xiWtqVtd1Oo

E polas voltas que dá a música, "Bailando" tamén se converteu nun tema moi versionado. A mellor desas versións, no entanto, é a dos barceloneses  Astrud, que lle puliron o son dance para darlle un aire pop que lle senta moi ben no seu primeiro disco Mi Fracaso Personal (1999).

http://youtu.be/fSJBgcsOWkA

Ningún comentario:

Publicar un comentario