Mentres preparaba o disco de The Black Eyed Peas The E.N.D. (2009), Will.i.am participou na produción de "I'll Go Crazy If I Don't Go Crazy Tonight", unha das cancións de No Line on the Horizon (2009), o esperado álbum de U2 tras How to Dismantle an Atomic Bomb (2004), e quedou tan encantado coa melodía que non puido menos que inspirarse nela para unha das novas cancións do seu grupo. Por esas cousas que nunca se acaban moi ben de entender, "I'll Go Crazy If I Don't Go Crazy Tonight" escolleuse como terceiro single, pero non puido cambiar a idea xeral de que o álbum, sen ser malo, era un fracaso, xa que coa pésima escolla dos singles,- "Get On Your Boots", o primeiro single, é de lonxe a peor canción de todas-, U2 lograra crear a percepción de que No Line on the Horizon non estaba á altura dunha das mellores bandas do mundo. Non obstante, asemade que isto se producía, The Black Eyed Peas arrasaba cun trallazo coma "I Gotta Feeling", herdeira do son de "I'll Go Crazy IF I Don't Go Crazy Tonight".
Nos últimos anos The Black Eyed Peas incrementou a súa popularidade con trallazos coma "I Gotta Feeling", que soaron en cada recanto do planeta de forma continua, ata o punto que a cancionciña chegaba a saturar a calquera de tan presente que estaba en todas partes. "I Gotta Feeling" era o single de presentación de The E.N.D. (2009), o quinto disco do grupo, que confirmaba a progresión que The Black Eyed Peas experimentaran nos últimos anos, e aínda que pareza incrible, o son do comezo, case imperceptible, está tomado da canción de U2.
Ningún comentario:
Publicar un comentario