martes, 27 de xaneiro de 2015

Take This Waltz

A obra poética de Federico García Lorca é universalmente coñecida máis aló das fronteiras españolas. O xenial poeta granadino, o máis representativo da Xeración do 27, pasou unha breve tempada en Nova York invitado pola Universidade de Columbia en 1929 durante a cal, puido ver os efectos inmediatos que produciu o crack da bolsa. Froito desas experiencias na cidade dos rañaceos, é o poemario Poeta en Nueva York, considerada polos especialistas como a mellor obra de todas as de Lorca. Indubidablemente, a influencia de Poeta en Nova York foi fundamental noutros autores que tiveron esta obra como referencia. Leonard Cohen, gran coñecedor da cultura española, rendeulle unha sentida homenaxe na canción "Take This Waltz", unha adaptación do poema "Pequeño vals vienés", que aparecería no álbum tributo Poets in New York (1986).

http://youtu.be/JQm1OmLMNno

Gran amante da música de Leonard Cohen e da obra literaria do seu paisano Lorca, Enrique Morente fixo un disco dedicado a ambos titulado Omega (1996) en colaboración con Lagartija Nick. Nel musicaliza algúns dos poemas de Lorca e non podían faltar as adaptacións musicais que Cohen xa realizara, aínda que esta vez en castelán e coa inconfudible arte flamenca de Morente. "Take This Waltz" volve ser o "Pequeño vals vienés".

http://youtu.be/QiPWkz54R0U

O interese pola obra de Lorca é unha constante na música española dos últimos anos, -tamén na galega, pois tampouco convén esquecer o traballo de Luar na Lubre cos poemas galegos do autor granadino-, así que cada pouco aparecen novos discos sobre a súa obra. Un dos máis importantes tralo de Morente, é o Lorquiana (1998) de Ana Belén, onde versiona o "Pequeño vals vienés" de Enrique Morente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario