Cando Alice Cooper publicou o terceiro disco, Love It to Death (1971), a banda aínda estaba medrando, pero levaban o tempo suficiente para que o seu nome non pasase desapercibido nos círculos de heavy metal e glam rock que ían gañando presenza no ámbito da música, e aínda faltaba uns anos para que Vincent Furnier emprendese o voo sen a compañía dos demais membros, pero conservando o nome da banda. A publicación de Love It to Death viña precedida polo single "I'm Eighteen", co que metían no peto a unha serie de novos talentos que pouco tempo despois asentaría as bases do punk. Cunha temática que fala da xuventude, do que supón ter dezaoito anos de idade, "I'm Eighteen" é unha das cancións que abordan un dos asuntos favoritos e clásicos no mundo do rock.
Joey Ramone foi un dos alumnos avantaxados de Alice Cooper e nunca ocultou a influencia que este exerceu na súa música. O exemplo máis claro está en "I Don't Care", que aparece no disco epónimo de The Ramones, editado en 1976, onde se notan ecos de "I'm Eighteen".
Unha das bandas que se máis se miraron no espello de Alice Cooper é Hanoi Rocks. A banda finlandesa de glam rock inspirouse nos acordes da canción de Alice Cooper en "Until I Get You", tema pertencente ó álbum Back to Mystery City (1983) e que a pesar diso, non renuncia ó estilo propio que fixo de Hanoi Rocks unha das bandas máis admiradas.
A estela de Alice Cooper pode seguirse mesmo en bandas tan rodadas coma Kiss, que en "Dreamin'", un dos temas de Psycho Circus (1998) recorda lixeiramente a "I'm Eighteen".
Ningún comentario:
Publicar un comentario