mércores, 23 de abril de 2014

Genetic Engineering

O ritmo frenético de traballo de Andy McCluskey fixo que OMD fose unha das bandas con maior produción de discos nos albores da Nova Onda. En só tres anos publicaran xa catro álbums e Orchestral Manoeuvres in the Dark era un grupo punteiro cunha estela que haberían de seguir moitos outros que transitarían polo camiño da música electrónica. En 1983 editaban Dazzle Ships, o cuarto traballo dunha banda máis que asentada. Malia que as cancións que máis se recordan hoxe en día de OMD están nos discos anteriores, non se pode considerar que Dazzle Ships sexa un traballo menor dentro da discografía de OMD. Nel destacan varias cancións que representan moi ben o son deste grupo. Unha delas é "Genetic Engineering", single de presentación e tamén unha das mellores composicións de Andy McCluskey e de Paul Humphreys, verdadeiros alicerces dunha das mellores bandas dos 80.


Moi influenciados polo son de OMD, Radiohead inspirouse nesta canción durante os primeiros compases de "Fitter Happier", unha das cancións máis hipnóticas do álbum O.K. Computer (1997).

Ningún comentario:

Publicar un comentario