venres, 25 de abril de 2014

Taj Mahal

Malia que non é moi coñecido fóra do seu país, Jorge Ben Jor é dos músicos brasileiros máis admirados. Non conforme só con que a súa música se tinguise co son da samba e da bossa nova, Jorge Ben Jor experimentou cos estilos típicos do Brasil  fusionándoos co rock e co funk, o que o levou a ser un dos artistas cunha discográfica das máis orixinais, creando un estilo propio que habería de ser moi imitado no seu país. Na escena internacional, o nome de Jorge Ben Jor recórdase sobre todo pola súa canción "Taj Mahal", que segundo o propio Jorge Ben Jor, serviulle de inspiración a Rod Stewart para crear o éxito disco "Da Ya Think I'm Sexy?" sen pedirlle permiso ó músico brasileiro. O caso é que "Taj Mahal", unha das cancións do álbum Ben (1972), non deixa de ser unha máis no amplo e recomendable repertorio de Jorge Ben Jor, un dos grandes músicos de Brasil, á altura de Caetano Veloso e Sérgio Mendes.

http://youtu.be/Ex9jWJ5V014

No álbum Blondes Have More Fun (1978), o ex-compoñente de Small Faces Rod Stewart achegábase a música disco cunha canción que fixo furor nas pistas de baile, "Da Ya Think I'm Sexy?", cuxo éxito se viu empañado cando apareceron as sombras dun posible plaxio. A base aseméllase a de Jorge Ben Jor, aínda que unha vez máis, igual falar de plaxio deliberado poida parecer unha esaxeración. En calquera caso, a cousa quedou nun acordo amistoso entre os dous músicos.

http://youtu.be/s-8QJXqjRng

"Da Ya Think I'm Sexy?" é das cancións máis versionadas de Rod Stewart, pero a xente máis nova a que mellor recorda é a de N-Trance, que no retrouso conserva a voz de Rod Stewart. Está incluída no álbum Happy Hour (1997).

http://youtu.be/fSV0D_Id8Ho

Ningún comentario:

Publicar un comentario