Michael Cretu, o artífice de Enigma, demostrou que sabía crear auténticos cócteles musicais mesturando as máis variadas tendencias e estilos de xeito arriscado, pero cun resultado perfectamente coherente que se convertiu no selo inconfundible de Enigma. Iso de empregar cantos gregorianos con sons propios das discotecas chegou a escandalizar no seu momento, mais a ninguén se lle escapa hoxe que a contribución de Cretu é máis que positiva. "The Eyes of Truth", canción do álbum The Cross of Changes (1994), resume moi ben o labor de Enigma, ese estilo peculiar de crear algo novo a partir do xa existente. En "The Eyes of Truth" conflúen unha variedade de samples dos máis diversos estilos que a converten nunha amálgama única, e todo concentrado en apenas algo máis de cinco minutos.
Un dos samples que Cretu empregou pertence ó tema de Vangelis "Mare Tranquilitatis", do álbum Albedo 0.39 (1976). Unha forma de homenaxear a un dos pioneiros da música electrónica e experimental do que Cretu tanto aprendeu.
Mais as influencias que inspiran o tema de Enigma son practicamente coétaneas do álbum The Cross of Changes e pertencen a cancións que se editaran pouco tempo antes. O disco de Anne Dudley e Jaz Coleman Songs from the Victorious City (1991) foi decisivo para a composición de "The Eyes of Truth", como ben reflicte "Endless Festival".
Por outra parte, cómpre sinala-la influencia dos últimos traballos de Genesis e de Peter Gabriel nesta canción . En "Eyes of Truth" atopamos un rastro directo do tema de Genesis "Dreaming While You Sleep", do álbum We Can't Dance (1991).
Tamén resulta curioso o leve parecido da canción de Peter Gabriel "Kiss That Frog" do álbum Us (1992) co tema anterior dos seus ex compañeiros de Genesis, e de certa maneira, Cretu soubo aproveitalo.
E tamén de xeito moi directo está presente U2 con"Ultraviolet (Light My Way)", pertencente ó gran álbum Achtung Baby (1991). Ese traballo foi o mellor dese ano, e tendo en conta a cantidade de temas que Cretu emprega do ano 1991, resultaría raro que se lle pasase desapercibido a Cretu.
E dando unha volta máis, "Ultraviolet (Light My Way)" lembra moitísimo no retrouso á canción de The Rolling Stones "Out of Time", pertencente a Aftermath (1966). Seguro que Cretu non recorreu a ningún tema dos Stones precisamente porque xa se atopaban ecos dun deles na canción de U2.
Ningún comentario:
Publicar un comentario