Posiblemente na actualidade a música de Journey non resulte das máis coñecidas de entre as numerosas bandas de hard rock dos setenta e dos oitenta, pero como lles ten pasado a outros rockeiros antes, a súa maior herdanza é unha balada, desas que perviven durante décadas. No caso de Journey, o mérito débese a "Faithfully", unha das cancións de Frontiers (1983), o oitavo álbum da banda de San Francisco. Descontando o número de versións que se realizaron, que son unhas cantas, "Faithfully" está detrás das orixes de dúas grandes baladas rock desa mesma década, pero a diferenza do que adoita ser habitual por norma xeral, os dous autores deses temas eran conscientes da influencia que exercía a canción de Journey e, posiblemente por iso, esas dúas cancións non se acaban parecendo gran cousa a "Faithfully" e de feito entre elas, como imos ver, nin sequera gardan ningún tipo de semellanza. En realidade o único que teñen en común as tres é que son unhas excelentes baladas de comezos dos oitenta.
Cando Journey se embarcou na xira de presentación de Frontiers levaron de teloneiro a un novísimo Bryan Adams, que daquela aínda non acadara a sona da que gozaría uns anos máis tarde. Precisamente a popularidade de Adams disparouse coa balada "Heaven", composta durante a xira de Journey, e o canadense sempre indicou que "Faithfully" lle serviu de inspiración. Steve Smith, o batería de Journey, participou na gravación. "Heaven" formou parte da banda sonora de A Night in Heaven (1984) antes de incluírse no álbum de Bryan Adams Reckless (1984).
Da mesma época é a gran canción de Prince "Purple Rain", que lledá título á película e o disco do artista de Minneapolis de 1984. Despois de gravala, Prince non estaba moi convencido e telefoneou a Jonathan Cain, membro de Journey e autor de "Faithfully", para preguntarlle se escoitara "Purple Rain" e se notaba moitas semellanzas coa canción de Journey. Cain tranquilizouno e díxolle que non había risco de plaxio. A pregunta é por que Prince non volveu ter en conta as posibles coincidencias das súas composicións posteriores con outras alleas, xa que iso lle aforraría algún desgusto como o que tivo con "The Most Beautiful Girl in the World".
Ningún comentario:
Publicar un comentario