xoves, 5 de marzo de 2015

Kid

Ata finais dos setenta non era moi habitual ver unha rapariga á fronte dunha banda de rock, pero os exemplos eran cada vez máis abundantes: Joan Jett, Patti Smith, Siouxsie Sioux... Unha das últimas en incorporarse á fila de rockeiras foi Chrissie Hynde, líder de The Pretenders, banda que en 1979 comezou a editar os primeiros singles con moi boa acollida. Cando por fin se publicou o álbum en xaneiro de 1980, Pretenders, a banda xa era coñecida polos tres singles que se editaran, especialmente polo último, "Brass in Pocket", que aínda soa con frecuencia nas radiofórmulas. Hynde soubera canalizar o seu talento compositivo nun proxecto sólido que comezaba a coller forma con ese álbum epónimo. Logo haberían de chegar outras grandes cancións que trazaron o repertorio de The Pretenders, pero esta vez imos quedar con "Kid", o segundo single da ópera prima da banda de Chrissie Hynde.


"Kid" conta cunha gran versión de Everything But the Girl no álbum Love Not Money (1985), dez anos antes de que o dúo inglés fose mundialmente coñecido por "Missing".


Local H réndelle unha sentida homenaxe a The Pretenders e máis en concreto a "Kid" en "The One with Kid" no álbum 12 Angry Months (2008).


Ningún comentario:

Publicar un comentario