venres, 6 de novembro de 2015

State of Independence

Nos últimos anos dos anos setenta produciuse un interesante encontro entre o músico grego Vangelis e Jon Anderson, líder de Yes, que se materializou na colaboración dos dous músicos nunha serie de discos ó longo de varios anos. Da estensa produción de ambos, queda na lembranza de todos a gran canción "State of Independence", que coroaba o segundo álbum, The Friends of Mr. Cairo (1981). O son electrónico, combinado con toques de reggae, fixo que a canción acadase bastante popularidade entre diversos sectores musicais como ben confirma a versión de Donna Summer, malia non entrar nas listas de éxitos a orixinal.


O disco epónimo de Donna Summer, editado en 1982, conta cunha das máis famosas versións de "State of Independence". Desde esta versión da raíña das pistas, a canción recibiu unha grande acollida, a pesar de que non serviu para que a orixinal se dese a coñecer mellor.


Coma un tributo a Donna Summer, The Art of Noise inclúen no EP co que debutaron,  Into Battle with the Art of Noise (1983), unha peza titulada "Donna", que reproduce as bases da versión de Summer.


Pero a versión máis orixinal de "State of Indepence" correspóndelle a banda Moodswings, no álbum Moodfood (1992), á que rebautizaron co nome de "Spiritual High" e a alongaron ata os doce minutos. Chrissie Hynde, de The Pretenders, ponlle voz na última parte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario