mércores, 4 de novembro de 2015

Aubrey

A banda californiana Bread non tivo moito recorrido, pero a súa música, mestura de pop e rock sen grandes pretensións, acompañou os últimos anos da década dos sesenta e boa parte dos setenta condensados en seis álbums e outros tantos compilatorios. Unha das cancións que máis se recordan de Bread é "Aubrey", un dos singles de Guitar Man (1972), o penúltimo disco que a banda editou antes de disolverse. Seica a canción se lle ocorreu ó líder David Gates tras ver a película Breakfast at Tiffany's onde Audrey Hepburn fai unha soberbia interpretación. Pero para que o motivo de inspiración do tema non fose tan obvio, Gates titulouno "Aubrey", que dá máis xogo á ambigüidade. O resultado é unha bonita composición melancólica que se presta para un tempo outonal.


Na canción de Vampire Weekend "Step", pertencente a Modern Vampires of the City (2013), resoan ecos que remiten á melodía de "Aubrey", aínda que cun ritmo moito máis acelerado, o que escurece a achega de Bread.

Ningún comentario:

Publicar un comentario