Liñas melódicas semellantes, riffs sospeitosamente parecidos, elementos reciclados e tratamento similar da mesma temática son parte intrínseca da historia da música e os exemplos que sementaron polémica son abundantes. A máis recente é a que afecta ó novo single de Adele, "Hello", anticipo do novo álbum 25, que sairá á venda o vindeiro día 20 deste mes de novembro. Como é habitual, a crítica analizou polo miúdo a nova canción dunha das artistas máis importantes dos últimos anos e decontado xurdiron as comparacións con outras cancións, na procura dunha influencia clara que inspirase a Adele. E unha vez acadado o obxectivo, aínda que sexa moi circunstancial e traído polos pelos, comeza un ruxe- ruxe que, en teoría, prexudica a nova canción, malia que en realidade é unha poderosa arma promocional que só fai espertar máis interese. Non sería raro que mesmo a propia discográfica sexa quen fomente este tipo de campañas.
A primeira canción en que pensou a crítica foi nunha do mesmo título, o "Hello" de Lionel Richie, pertencente a Can't Slow Down (1983). Desde logo, ambas coinciden en que son baladas e a voz do narrador saudando a un receptor ó outro do teléfono, pero ata aí as semellanzas. Os dous "Hello" son cancións totalmente distintas.
E nestas, dándolle voltas ó "Hello" de Lionel Richie, a alguén lle véu á memoria á canción de Tom Waits "Martha", do álbum Closing Time (1973) co que debutou. En efecto, esta canción garda máis semellanza co "Hello" de Adele, que esta última coa de Lionel Richie. A temática é a mesma, un personaxe que chama por teléfono a un antigo amor despois de moitos anos, envolta nunha balada moito máis acorde entre si que a de Richie. Se logo engadimos que nas últimas entrevistas Adele ten declarado que a música de Waits foi unha influencia para o seu novo traballo, temos a combinación perfecta. Pero se escoitades ben ambas cancións, decatarédesvos que non coinciden nin na letra nin na melodía para afirmar categoricamente que teñen moito máis en común.
Ningún comentario:
Publicar un comentario