xoves, 5 de novembro de 2015

Hurting Each Other

O maior éxito na carreira de Jimmy Clanton é a canción "Just A Dream", que obtivo nos seus comezos, pero o resto da súa produción discográfica tamén se compón de bos temas, algún tan recordados como "Venus in Blue Jeans", pero así e todo, a maioría deles fican bastante esquecidos. Seguramente, moi pouca xente poida afirmar que a coñecida canción de The Carpenters, "Huring Each Other", gravouna el por primeira vez, dándoa a coñecer como un single solto, sen concretarse nun álbum. Sen chegar a romper as listas de vendas, "Hurting Each Other" acadou unha grande popularidade entre outros músicos que non tardaron nada en versionala con máis fortuna, o que con toda probabilidade motivou que resultase máis complicado identificala con Jimmy Clanton como primeiro intérprete.


Unha das primeirísimas versións que se fixeron de "Hurting Each Other" foi a de The Guess Who cando aínda se chamaban Chad Allan & The Expressions no álbum Hey Ho (What You Do to Me!) (1965). Apenas había uns meses que se publicara a orixinal, pero a banda canadense adoptouna sen variar demasiado o estilo que Jimmy Clanton empregara.


Ademais da versión de The Guess Who, houbo outras como a de The Walker Brothers e a de Ruby and the Romantics, pero en realidade "Hurting Each Other" logrou triunfar coa versión de The Carpenters, que aparece no álbum A Song for You (1972). Desde logo, o ton da canción acae como unha luva no xeito de cantar dos irmáns Carpenter, de tal maneira que moita xente identifica esta canción como propia deles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario