xoves, 26 de novembro de 2015

Apache

Jerry Lordan deixounos importantes composicións instrumentais que executaron numerosos artistas, como é o caso de The Shadows, que levaron ó máis alto algunhas das súas pezas como "Wonderful Land" e "Apache", canción que hoxe vos presentamos. Non obstante, o primeiro en gravar esta peza, unha das que evoca a vida dos indios americanos, foi o guitarrista Bert Weedon, referencia musical para os propios Shadows. 


Malia que Bert Weedon conseguiu que "Apache" entrase nas listas de vendas británicas no ano 1960, serían The Shadows os que ese mesmo ano lograsen que a súa versión de "Apache" acadase unha popularidade desbordande ó colocala no primeiro posto da lista de vendas de Reino Unido durante cinco semanas e levala ó top 10 da estadounidense, á vez que propiciaba que moitos outros grupos instrumentais, como en España Los Pekenikes, fixesen a súa propia versión.


No entanto, a banda de funk Incredible Bongo Band faría unha versión revolucionaria de "Apache" no seu primeiro disco Bongo Rock (1973), que habería de sentar as bases para futuras versións, ademais de proporcionar samples para novas creacións.


A enorme influencia da versión de Incredible Bongo Band déixase sentir na canción de Amy Winehouse "In My Bed", pertencente ó seu álbum de debut Frank (2003).


A melodía de "Apache" tamén se pode apreciar na canción de David Bowie "How Does the Grass Grow?", do álbum The Next Day (2013), onde o nome de Jerry Lordan aparece nos créditos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario